DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conferencias sobre ‘A televisión tras o apagado analóxico’

A televisión do futuro chámase Google

Alejandro Morán explicou o cambio profundo ao que se enfronta o sector tras 35 anos sen apenas trans

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 17/12/2010
A comezos do século XIX as empresas de xeo eran fundamentais para conservar a comida. Cando comezou a desenvolverse a tecnoloxía para conservala non foron capaces de ver que os desbancarían porque a xente non quería bloques de xeo na súa casa. “As distribuidoras musicais seguen a fabricar xeo, o CD, non se dan conta de que a xente quere ter acceso á música noutros dispositivos como o móbil e acabarán condenadas por moitas leis que saquen. A televisión atópase nesta mesma tesitura”, sentenciou Alejandro Morán, de Everis, durante a súa participación nunha serie de conferencias na EE de Telecomunicación centrada na situación da Televisión tras o apagado analóxico.

Agora, despois de 35 anos sen apenas cambios, a televisión enfróntase a unha transformación profunda na que o modelo de negocio non queda nada claro. “Dende os albores da televisión, un ou varios canais emitían a súa programación, inserían anuncios e cobraban. A publicidade era dúas terceiras partes dos seus ingresos… Así foi toda a vida, en branco e negro e en cor. Pero coa chegada das televisións a través da rede e de novos dispositivos é tan complicado o modelo de negocio que non se sabe quen paga a quen: Telefónica quere que Google lle pague por usar as súas infraestruturas e Google respóndelle que se desaparece Youtube a ver quen contrata a súa banda ancha”, explicou.

Ollando ao futuro “non sabería responder que é a televisión. O futuro está en internet, no iPad, no iPod… non se precisa empaquetar o produto”. Adeus a axendas e contidos ideados por outros, agora o público decide o que quere, cando e en que dispositivo. A “guerra entre o salón e a rúa” está servido: aínda que o número minutos que pasamos fronte ao televisor segue crecendo, a profusión de tablets e smartphones creceu un 50% e os expertos xa falan de 200 millóns de iPads no mercado en 2014. Mentres a publicidade se retrae nos medios tradicionais pese á saída de TVE do xogo, internet segue sumando cartos e prevese que acapare o 15% da cota o vindeiro ano. “O modelo de que alguén paga o que lle dá outro entra en cuestión”, recalcou o responsable de Everis. O futuro parece pasar por renovarse ou morrer.

Proxectos pioneiros na casa

As xornadas, organizadas polo departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, acolleron tamén os relatorios de Justo Rodal, de Televés, sobre a evolución dos estándares ata o apagado analóxico, e de Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade, que explicou a experiencia pioneira de UvigoTV, que leva seis anos facendo televisión na rede.

A televisión dixital da Universidade de Vigo xa superou os 1,1 millóns de vídeos vistos, o que dá unha idea da boa acollida que ten entre o alumnado o feito de ter gravadas clases, relatorios e outros eventos e telos a súa disposición cando e onde queiran. Cunhas 500 horas ao ano, a web ten máis de 4500 vídeos almacenados en PuMuKIT, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade viguesa que permite automatizar o proceso de publicación vía internet de contidos audiovisuais a través de canles como Youtube.