DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de Cristina Teresa Salvador, que analiza a televisión de proximidade do Porto

A televisión local procura formatos máis ligados á súa contorna e máis participativos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 01/02/2010

Unha serie de factores, como os fenómenos de descentralización e as novas tecnoloxías, que permitiron pasar dun sistema de oferta de masa a un sistema de demanda, impulsou un cambio de paradigma na televisión, sobre todo local, cara a unha concepción máis participativa e ligada á contorna. Esta é unha das principais conclusións da tese Televisión local, a nostalxia da identidade no contexto 'portogués', presentada por Cristina Teresa Salvador Rebelo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e cualificada con sobresaliente cum laude.
O estudo analiza a relación da televisión de proximidade, en concreto na rexión do Porto, co territorio xeográfico e simbólico, coa creación de identidade e como potenciadora de visibilidade e desenvolvemento local, un tema que a autora considera “pouco explorado no panorama mediático de Portugal”. Comezou a interesarse por el a raíz da aparición da primeira televisión local no Porto, a NTV, e finalmente procurou trazar unha explicación crítica da televisión de proximidade portuguesa a través dun estudo de caso doutro medio máis recente, Porto Canal. Segundo a investigadora, o movemento actual das televisións rexionais “comezou a manifestarse sobre todo no norte do país e reflicte esa mudanza de paradigma, que aparentemente poñería dun lado a instrumentalización e do outro a autonomía”.
Con relación á presentación do seu traballo na da Universidade de Vigo, sinala que estimulou a súa escolla “a tradición existente en España na área da comunicación social”.

A televisión como condutora de transformación social

A investigadora aborda o concepto de proximidade relacionándoo con temas como a globalización, a fragmentación cultural, a identidade colectiva e a dimensión simbólica do espazo, para estudar a televisión “como condutora de transformación social, que lle dá a posibilidade á sociedade civil de manifestarse e defender os seus ideais”, sen esquecer que a comunidade “ao mesmo tempo que é produtora de contidos é altamente influenciada polos media, orixinándose parámetros de reciprocidade entre comunidade, cidade, local e media”. Nesta liña, un dos obxectivos do traballo foi concretar unha reflexión sobre a cidade mediatizada, que Rebelo considera “que é a principal xénese da televisión de proximidade”.
“Unha forma de conseguir un empowerment do movemento cívico en relación aos temas locais é a proliferación de medios verdadeiramente orientados para este designio”, escribe. Para que un espazo de comunicación acolla a maior participación posible, indica que se deben evitar os discursos sesgados, “que só fomentan o afastamento e a exclusión, cando o que se pretende é a reunión e cooperación de forzas económicas, intelectuais e colectividades en xeral”. Desde o seu punto de vista, o rendemento político e elitista que se fai dalgúns medios locais desvirtúa o seu propio concepto, “máis achegado ao de democracia”.

Fenómenos de descentralización

A tese apunta tamén aos fenómenos de rexionalización e descentralización como favorables á aparición de novos proxectos televisivos, por canto conducen a entender a comunicación como un sector estratéxico para o desenvolvemento, fundamental para a proxección e a competitividade, no que o territorio pasa de ser considerado “un obxecto receptor a un suxeito de mudanza e devir”. Isto, ligado á evolución das novas tecnoloxías, atraeu, segundo o estudo, algunhas iniciativas privadas, que paliaron parcialmente a insuficiencia do mercado publicitario, á que se atribúe a non aparición de novos proxectos, e o exercicio do poder a través da participación dos municipios.

Estudio de caso: Porto Canal

O obxecto de estudo da investigación céntrase no máis recente e significativo canal de proximidade do Porto. Coa denominación de Porto Canal, suma só dous anos e medio de emisión, algo que, segundo a autora, non permite facer grandes elucidacións. Con todo, considérao, polo seu grupo de adeptos en crecemento, apropiado para reflectir “a necesidade de rescatar o local e de entendelo como unha construción complexa”. Aínda que a emisora non ten unha vocación rexional, segundo a tese, “si acada un interese local debido ao contacto na rúa e á participación popular en foros e debates”. “A enfatización da cidade do Porto e a vinculación ao 'portogués' son evidentes no conxunto da programación diaria e iso acaba por axudar a construír un proxecto máis xenuíno, tripeiro e dinámico”, sinala a autora. Así e todo, observou “unha falta de invocación decisiva da sociedade e das institucións locais”, o que se traduce nunha desconfianza entre as dúas partes: canal e audiencias/cidadáns.
Segundo o estudo, Porto Canal ten uns custes moderados, “un factor moi importante posto que unha das maiores restricións ao desenvolvemento destes proxectos é a súa sustentabilidade”. Subliña tamén que a captación directa de recursos ou publicitaria é baixa, o que repercute nos seus contidos, outorgándolle certo “amateurismo”. Tendo en conta o anterior, a tese recolle que ese espazo autónomo das novas televisións locais se ve minguado pola falta de recursos. A meta pasaría por superar esas limitacións e converterse en “foros nos que os cidadáns poidan discutir problemas, levantar cuestións, pensar e actuar sobre a súa comunidade”. “Ese debe ser o sentido e o camiño de Porto Canal”, conclúe a autora.