DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O V Obradoiro de Saídas Profesionais desenvolverase en CCSS e da Comunicación entre o 10 e o 13 de m

Tempo de amosar a valía do alumnado de Dirección e Xestión Pública

A actividade busca poñer en contacto ao estudantado cos seus potenciais contratadores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 28/02/2014

Dar a coñecer entre empresarios e organizacións profesionais os coñecementos e habilidades do alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública é un dos obxectivos centrais do V Obradoiro de Saídas Profesionais, que entre o 10 e o 13 de marzo se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Grazas á colaboración da empresa de servizos integrais para xestores administrativos Siga 98 e da delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, doce alumnos e alumnas poderán achegarse neste curso á realidade cotiá dunha xestoría como a que podería constituír o seu destino laboral o día de mañá.

“A idea matriz deste seminario é convidar a diferentes organismos e empresas co obxectivo de que o mercado laboral poida coñecer as habilidades do alumnado da titulación e que, ao mesmo tempo, os estudantes saiban tamén que é o que lle van pedir os seus futuros empregadores”, destaca Celso Cancela, coordinador do grao. Ao igual que en 2013, este Obradoiro de Saídas Profesionais, que leva o título de Coñece de date a coñecer aos teus empregadores terá “un carácter esencialmente práctico” e será impartido por persoal da empresa Siga 98 e do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia.

Na facultade como nunha xestoría

Este obradoiro, dirixido a alumnado de cuarto curso do grao en Dirección e Xestión Pública e do máster online en Dirección Pública e Liderado, desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas no seminario 4 de Ciencias Sociais e da Comunicación e estará centrado en formar aos estudantes “no manexo das aplicacións informáticas que se empregan nas xestorías”, explica Cancela. Co obxectivo de achegalos á realidade cotiá destas empresas, os asistentes a este seminario “participarán na simulación dun traballo idéntico ao que farían nunha xestoría administrativa, coas mesmas ferramentas que nestas empresas se empregan diariamente”, engade o coordinador desta actividade. Exercicios de contabilidade, elaboración de nóminas, declaracións de impostos ou mesmo os trámites para matricular un vehículo serán pois algúns dos contidos que centrarán unha actividade “que está a ter un moi bo retorno desde o ámbito dos emprendedores, que valoran moito que os estudantes saiban como desenvolverse no posto de traballo deste o primeiro minuto”, salienta Cancela.

Este obradoiro gratuíto conta con 12 prazas, ás que poderá optar o alumnado matriculados no último curso do grao ou no máster en Dirección Pública e Liderado. As persoas interesadas en participar deberán remitir a súa solicitude ao correo electrónico ccancela@uvigo.es, achegando o seu número de DNI e a nota media do seu expediente académico, que será o criterio empregado para a distribución das prazas.