DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo de inscrición para as actividades do segundo cuadrimestre

Tempo para o compromiso co deporte

No campus de Pontevedra, a Universidade ofrece actividades como tai-chi, pilates ou aerobic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 21/01/2014

Iniciarse ou retomar unha actividade deportiva é un deses compromisos que moitas persoas se marcan a si mesmos e para o que logo nunca atopan o momento de darlle cumprimento. No campus de Pontevedra ese momento é agora, posto este luns abriuse o prazo de renovación das inscricións nas diferentes iniciativas promovidas polo Servizo de Deportes para aqueles que xa gozaron delas no primeiro cuadrimestre, mentres que as persoas que queiran sumarse agora a actividades como tai-chi kung, pilates ou aerobic deberán formalizar a súa inscrición entre o 29 de xaneiro e o 5 de febreiro.

Escolas deportivas

As preto de 100 persoas que durante a primeira metade do curso participaron nas clases de aeróbic e power pump, tai-chi kung, pilates e defensa persoal dispoñen de prazo ata o día 24 para renovar, nas oficinas do Servizo de Deportes do Pavillón Universitario a súa inscrición nestas catro Escolas Deportivas. Trátase ademais dunhas actividades que se veñen desenvolvendo no campus desde hai tres anos cunha notable aceptación por parte da comunidade universitaria. “As escolas deportivas están funcionando moi ben, todas teñen máis xente que o ano pasado”, destaca Gustavo Loureiro, técnico especialista do Servizo de Deportes no campus de Pontevedra, que anima a participar nunhas actividades “nas que se pode partir de cero perfectamente e que ademais contan con diferentes grupos co ánimo de facilitar que todo o mundo que queira probalas, poida facelo”. Neste caso, o das novas incorporacións, a inscrición deberá levarse a cabo entre o 29 de xaneiro e o 5 de febreiro.

Ademais das propostas que se desenvolven nas propias instalacións universitarias, os convenios con diferentes ximnasios e centros deportivos da cidade permiten tamén ao Servizo de Deportes ofrecer a posibilidade de gozar da oferta de diferentes centros deportivos “cunhas condicións vantaxosas con respecto a outro usuario”, como apunta Loureiro. Trátase do programa de Centros Deportivos Abertos, que en Pontevedra permite practicar natación ou mellorar a forma física nos ximnasios Centro Budo, Campolongo, Ardeas e Centro Onsem. Neste caso, o pago das cotas levarase a cabo nos propios centros, previa renovación ou inscrición no Pavillón Universitario nos mesmos prazos que as escolas deportivas.

Tarxetas para poñerse en forma

Aínda que se pode realizar con posterioridade, a última semana de xaneiro é o momento perfecto para renovar ou facerse por primeira vez cunha das tarxetas que ofrece o Servizo de Deportes para o segundo cuadrimestre, xa que teñen vixencia desde o 1 de febreiro. Neste caso existen dúas opcións, a Tarxeta Deportiva Universitaria Básica, que permite o acceso libre a sala de cardio e ao pavillón universitario, así como descontos nas actividades do Servizo de Deportes; e a Tarxeta Ponte en Forma, que ademais de proporcionar acceso ás instalacións implica tamén un plan de exercicio personalizado para cada usuario. “Trátase dun programa específico de adestramento, cun recoñecemento médico a partir do que se elabora un programa persoal, que o usuario leva a cabo baixo a tutela do monitor da sala”, explica Loureiro.