DUVI

Diario da Universidade de Vigo

78 novos titulados en Belas Artes e 40 en Comunicación Audiovisual celebraron os seus actos de gradu

Tempo de emprender un novo rumbo coa creatividade como bandeira

O traballo de fin de grao de dúas alumnas converteu CCSS e da Comunicación na 'Academia do Audiovisu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 06/06/2014

Se algo define as titulacións de Belas Artes e Comunicación Audiovisual é o papel crucial que en ambas xoga a creatividade dos seus alumnos e alumnas. Por iso, chegado o momento de celebrar a fin dos estudos, o alumnado de ambos graos optou por ir máis aló do habitual acto de graduación para converter esta xornada de celebración e despedida nun momento de humor e orixinalidade. Así o fixeron os 78 alumnos e alumnas da quinta promoción do grao en Belas Artes e os 40 estudantes da segunda promoción do grao en Comunicación Audiovisual que este venres despediron a súa etapa formativa nun acto que tomou a forma dunha entrega de premios.

Ter pasado por Belas Artes acompáñate toda a vida

Laura Preto e David Crespo, dous dos estudantes do grao en Belas Artes que esta tarde celebraban o final dunha etapa no auditorio do Edificio Administrativo da Xunta, foron os responsables de conducir un acto de graduación “divertido pero tamén entrañable”, como o definiu na a súa apertura o reitor, Salustiano Mato. Por iso, á proxección dun vídeo no que se recordabam con humor anos de experiencias compartidas, viuse complementada polas verbas de ánimo e recoñecemento do reitor, do decano, Juan Carlos Meana, e do padriño da promoción, o profesor Antonio Bandera, que ademais de recordarlles que nunca entregaban os traballos en prazo, instou aos egresados a manter sempre a idea de que “ser artista é unha actitude vital”.

“Non deixedes de ser creativos e loitade por poñer en pé as vosas propostas”, foi o principal consello que Meana trasladou a este grupo de 78 novos titulados e tituladas, aos que lembrou que só con esta actitude “poderemos construír unha sociedade onde os valores que teñen que ver co humano adquiran o protagonismo que merecen. Na opinión do decano, “calquera revulsivo importante na nosa sociedade virá de suxeitos creativos, comprometidos, participativos e con iniciativas”, características que Meana ve reflectidas nesta nova promoción de “belos e belas artistas”. Por iso, animounos a emprender o reto de saír da facultade nun momento “difícil, pero estimulante”, que obriga a “agudizar a creatividade”. Así mesmo, o decano lembrou a este grupo os rostros “a medio camiño entre o asombro e a vertixe ao descoñecido” cos que viviron o seu primeiro día na facultade. Catro anos despois e tras unha sucesión de experiencias formativas e vitais, toca abandonar Belas Artes cun sentimento de pertenza, “a medio camiño entre o orgullo e a nostalxia, que non desaparecerá nunca”, como recoñeceu Meana.

CCSS e da Comunicación convértese na Academia do Audiovisual

GalADA (Gala Academia do Audiovisual) é o nome que recibiu o orixinal acto de graduación que na tarde deste venres celebraron os graduados e graduadas en Comunicación Audiovisual. Organizada por dúas integrantes desta segunda promoción, Lucia Porto e Nerea Unzueta, como parte do seu traballo de fin de grao, este acto converteu por unhas horas a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na Academia do Audiovisual. Nun acto retransmitido en directo por UVigo-TV, os novos titulados e tituladas, tras pasar polo photocall (pousadoiro) de rigor, foron presentados nesta gala como finalistas dos premios ás mellores curtametraxes, videoclips, programas de entretemento e traballos multicámara desenvolvidos ao longo da súa etapa formativa.

Así pois, non faltaron nun acto conducido por Adrián Ríos as referencias ao cine, o humor, as proxeccións ou as actuacións musicais. Claro que tampouco faltaron as palabras de recoñecemento a esta nova xeración de titulados, como as que lles brindaron os seus padriños académicos, o profesor Miguel Ánxo Fernández e o técnico de medios audiovisuais Vicente López, Txapu. Ambos quixeron desexarlles a este grupo sorte no seu futuro profesional, como tamén fixo o decano, Celso Cancela, que animou aos egresados a mirar ao futuro “con vontade firme e rumbo claro, xa que isto é máis necesario que nunca nestes tempos azarosos”. Nun acto no que os titulados estiveron acompañados dun bo número de docentes, amigos e familiares, Cancela recordoulles aos estudantes “que sodes o resultado do voso esforzo” e animounos a "non deixarse levar polo pesimismo” e encarar o seu futuro coa mesma vontade e creatividade coa que afrontaron a súa etapa na facultade.