DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Congreso Internacional Creatividad y Universidad desenvólvese de xeito virtual

En tempos de pandemia e de busca de solucións, a creatividade sitúase en primeiro plano

Organizado por docentes das universidades de Vigo e Minho 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/05/2021

Do desenvolvemento das vacinas á creación de espazos virtuais aos que trasladar a actividade docente, a covid-19 puxo nos últimos meses de relevo a importancia da creatividade, entendida como unha capacidade para resolver problemas. A abordaxe da pandemia desde as campañas publicitarias e institucionais ou os seus efectos nas e os profesionais deste ámbito forman parte dos contidos do I Congreso Internacional Creatividad y Universidad, organizado por profesoras das universidades de Vigo e Minho e no que participan, de xeito virtual, preto de 40 docentes de diferentes universidades españolas. A covid-19, de feito, obrigou en primeiro termo a adiar ao presente ano e finalmente a converter en virtual un congreso que, aínda que mantén como sedes a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Vicerreitoría do campus, pasou a desenvolverse a través de Campus Remoto.

Esta facultade acolleu a inauguración dun evento nacido do simposio de profesores universitarios de creatividade publicitaria realizan cada dous anos co obxectivo de pór en común experiencias e estratexias docentes. Coa idea de ampliar a análise e abrila a alumnado e investigadores “pensamos en integrar o simposio dentro deste congreso”, explicou neste acto Montse Vázquez, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e responsable do comité organizador xunto cos docentes do centro Ana Belén Fernández Souto e Iván Puentes e a profesora da Universidade do Minho Teresa Ruao. Neste acto de apertura, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, incidiu en que a creatividade céntrase na busca de solucións, “xa que o que nos distingue como seres humanos e o noso maior valor é precisamente esa capacidade de afrontar os problemas”. O acto completouse coa intervención por videoconferencia do catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad Complutense de Madrid Francisco García, responsable tamén da conferencia inaugural, que destacou que se ben “hai moitos congresos que toman como referente a creatividade”, este constitúe o primeiro especificamente centrado en creatividade e universidade, pondo de relevo nese senso “que os profesores que crean están xerando tamén alumnos que crean”.

Detectar, analizar e solucionar

A importancia da creatividade no mundo actual era o título da conferencia coa que García puxo inicio a un congreso que ten por lema Pensar creando, crear pensando e na que este docente afondou desde múltiples perspectivas na importancia, persoal e social, dunha facultade que “é o motor, o motivo e a acción que nos fai cambiar”. A creatividade, lembrou, implica “atopar solucións aos retos de cada día, mellorar a nosa vida, a nosa contorna e a nosa sociedade” e ten como punto de partida “a capacidade do ser humano para mirar as cousas dunha forma flexible, de detectar os problemas, analizalos e buscar unha solución”.

Nese senso, García incidiu en como a covid-19 obrigou a crear para atopar solucións en múltiples eidos, así como a afrontar os novos problemas que ían xurdindo como resultado desas solucións. “Durante este período observamos a grandeza de ir tendo ideas para solucionar tanto cuestións que xa existían como outras novas”, salientou o conferenciante, que lembrou a “grande creatividade” que implicou xa de por si a creación de vacinas, así como o feito de que a pandemia puxera de relevo “a necesidade de resiliencia, de adaptarse ás situacións”. Nese senso, García sinalou á creatividade como un xeito de “reducir á adversidade”, como unha “grande achega á humanidade” xa que contribúe a “desbloquear a resistencia ao cambio” polo feito de implicar “a busca do novo, o descubrimento”. 

Un achegamento á realidade profesional

Tras García, as profesoras da UMinho Teresa Ruao e Sara Balonas presentaron no congreso a experiencia do Create Lab, unha unidade de experimentación e innovación xurdida no seo desta universidade e que, desde o eido da comunicación, presta apoio a diversos proxectos científicos. A primeira xornada do congreso complétase coa décima edición do encontro de docentes de creatividade publicitaria, dirixido a intercambiar experiencias respecto dun ámbito, recoñece Vázquez, “difícil” de trasladar ao terreo da docencia, xa que “suponse que a creatividade é algo que non se pode ensinar, que parte dunha serie de habilidades que todos temos, pero hai moitas cousas que si se poden aprender”.  

Mañá venres, a actividade continuará cunha mesa de debate na que profesionais formadas na facultade relatarán a súa traxectoria e experiencias unha vez rematados os estudos. As tituladas en Publicidade e Relacións Públicas Ana Moas, deseñadora da axencia Metronoventa; Umá de Oliveira, creativa de DobleYou; e Mónica Bastón, responsable da firma de xoiaría Leónlagata, serán as protagonistas, xunto coa egresada da UMinho Paula Machado, dun coloquio moderado por Fernández Souto. Tras este coloquio, Jesús Pérez Seoane, da Dirección Xeral de Medios da Xunta de Galicia, impartirá a conferencia de peche dun congreso que Montse Vázquez e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, clausurarán desde a Vicerreitoría. Neste relatorio, o tamén docente afondará, desde o punto de vista da creatividade publicitaria, no desenvolvemento de campañas institucionais, pondo o foco nas diferentes iniciativas que a covid-19 obrigou a impulsar ao longo do último ano á administración autonómica.