DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As instalacións universitarias acollen ata o día 14 o I Torneo de Tenis San Raimundo de Peñafort

Tenis e rugby arrancan as competicións deportivas de 2012 no campus

Os equipos de rugby infantil e feminino foron os primeiros en retomar a fin de semana os encontros d

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 09/01/2012

Remataron as vacacións de Nadal e é momento de retomar as rutinas habituais, entre elas as deportivas. Os equipos de rugby infantil e feminino do campus de Ourense foron os primeiros en retomar a fin de semana os encontros de liga dos conxuntos universitarios. Con desigual sorte, os xogadores ourensáns deron o pistoletazo de saída a un 2012 no que os equipos de rugby e baloncesto agardan consolidar o seu xogo e resultados. Ademais destas competicións regulares, como novidade a Facultade de Dereito patrocina esta semana a celebración nas canchas universitarias do I Torneo de Tenis San Raimundo de Peñafort.

O torneo de tenis, que leva o nome do patrón do centro, celebrarase desde o día 9 ata o día 14 de xaneiro nas pistas do campus universitario ourensán. Segundo salientan os seus organizadores, a competición rexerase polas normas da Real Federación Española de Tenis, podendo participar todos os membros da comunidade universitaria non federados previa inscrición gratuíta. Concretamente celébranse encontros das categorías sénior masculina e feminina e os cadros serán abertos. Os partidos constarán de dous sets e un super “tie-break” decisivo a dez puntos en caso de empate. Os premios consistirán en cadanseu trofeo para o campión, para o finalista e para os semifinalistas.

Inicio desigual en rugby e á expectativa en baloncesto

Pola súa banda, os encontros de liga 2012 comezaron o sábado día 7 de xaneiro no campo de futbol-rugby de Ourense coa disputa dos encontros dos equipos infantil e feminino do campus. A xornada comezou co enfrontamento do equipo infantil contra a Os Ingleses de Vilagarcía. Cun resultado final de 34-17, os xogadores que dirixe Juanito acadaron a súa primeira vitoria e comezan o ano cun excelente sabor de boca e a expectativa de consolidarse como equipo e como canteira do equipo cadete. “Foi un gran partido de todo el equipo local que amosa o esforzo que están realizando os xogadores para mellorar, un esforzo que está facendo ao equipo moito máis competitivo”, salienta Javier Conde, responsable de relacions institucionais do Campus Ourense Rugby.

Mentres o Campus Ourense Rugby sénior masculino agarda ata o vindeiro sábado, día 14 de xaneiro, para estrear a competición deste ano, as xogadoras da categoría sénior feminina do club ourensán xogaron o pasado sábado contra o Universidade de Vigo Iveco. Perderon o encontro cun resultado final de 9-51 pero manteñen intactas as súas aspiracións de consolidarse na liga.

Ademais do rugby, o próximo fin de semana retomarán a competición os diferentes equipos de baloncesto universitarios nun segundo tramo de liga no que ao igual que os equipos de rugby os seus adestradores agardan consolidar equipos e resultados e continuar creando canteira.