DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Puentes participa no programa da rede europea de radio, Euranet Radio NetWork

Teño unha pregunta para vostede...

O estudante de doutoramento interpelou ao presidente do Parlamento Europeo, Martín Shultz

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 27/06/2013

“Cree vostede que Europa ten futuro?” Así comezou a súa intervención o estudante de doutoramento da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Iván Puentes na súa quenda de preguntas ao presidente do Parlamento Europeo, Martín Shultz, no marco do programa Euranet Radio NetWork. “A miña intención era saber se el realmente cría que esta Europa ten futuro e se era posible non ser euroescéptico nunha contorna coma esta, sen unha política común real e só económica”, salienta o alumno da Universidade de Vigo e tamén portavoz da corrente do PSdG Novo Socialismo Galego. “O feito de vivirmos nunha Europa sen un Parlamento forte e, polo tanto, nunha unión de países na que só a Troika decidide sobre a vida dos cidadáns e cidadás europeos” foi a idea forza que defendeu hai uns días Puentes ante Shultz nun programa de radio emitido dende Bruxelas e que se puido seguir tamén en directo a través da web de UVigoTV.

O estudante, que fora no seu momento o alcalde máis novo de Galicia, recoñece que o presidente do Parlamento non respondeu directamente á súa pregunta. Con todo, asegura que na súa intervención Shultz defendeu as fortalezas do Parlamento Europeo ao tratarse da única institución destas características elixida democraticamente por unha poboación de máis de 500 millóns de habitantes. Do mesmo xeito, recoñeceu que unha parte desa percepción negativa “débese a unha deficiente información sobre o seu traballo nos diferentes medios de comunicación e invitounos a reflexionar sobre como mellorar neste aspecto”, destaca Puentes.

Coñecer mellor Europa

Dende o propio edificio do Parlamento Europeo emitiuse un programa de catro horas de duración no que estudantes, profesores e directores de radios de diferentes países debateron con distintos responsables da Unión Europea sobre como frear o euroescepticismo, o papel dos medios de comunicación nacionais para mellorar a información que se proxecta de cara á sociedade e tamén arredor das oportunidades que o proxecto europeo lle segue a ofrecer á mocidade, especialmente aos estudantes.

O obxectivo do programa Euranet é, a través da elaboración e difusión de contidos propios, mellorar a información que se emite sobre Europa na radio e nos demais medios de comunicación así como estimular entre a propia sociedade o debate e o coñecemento sobre a Unión Europea e as súas institucións. A maiores, esta iniciativa conta co Círculo Universitario Euranet, constituído por un grupo de radio universitarias, nas que se persegue involucrar aos mozos e mozas na construción da Unión Europea interactuando directamente cos seus responsables.

Representación galega

Este é o segundo ano que a Universidade de Vigo colabora no proxecto no que xa teñen participado varios de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a través das diferentes actividades que propoñen dende a Euranet. “A integración da nosa Universidade na rede europea de radio veu motivada pola propia organización ao ser conscientes do papel desta facultade (na que se imparten os graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual) á hora de formar aos futuros profesionais da comunicación do país. Unha peza clave no proceso de construción europea e no seu achegamento á cidadanía” destaca a profesora e coordinadora local do proxecto Ana Belén Fernández Souto.