DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias acolle a 18 edición dos cursos de análise do Colexio Oficial de Biólogos de

Da teoría á práctica no Laboratorio de Microbioloxía do campus

O obxectivo é satisfacer a demanda das empresas de persoal especializado neste eido

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/11/2012

Con máis dunha década ás súas costas traballando co sector empresarial, o Laboratorio de Microbioloxía da Universidade de Vigo é moi bo coñecedor das necesidades que ten o sector privado no seu eido de especialización. Por este motivo, xa van 18 as edicións que leva acollendo dos cursos que organiza periodicamente o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia sobre microbioloxía e que nesta ocasión están centrados na análise de alimentos e auga.

Segundo explica Luis Alfonso Rodríguez, director do Laboratoriode Microbioloxía situado na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, esta 18 edición está formada por dous cursos. O primeiro, apunta, foi realizado do 19 de outubro ao 3 de novembro co título Análise de Parámetros Microbiolóxicos e Fisico-Quimicos de Augas e o segundo, centrado no tema da análise alimentaria, comezou este venres e prolongarase ata o 24 de novembro. “Con estas actividades formativas queremos suplir as carencias, as moitas carencias, que teñen os estudantes e titulados de formación práctica, de saber manexarse nun laboratorio. Queremos formar á xente para que teñan as competencias que as empresas realmente precisan”, apunta o docente.

Demanda crecente

O Curso de Análise Microbiolóxica de Alimentos iniciado este venres celebrarase cada venres e sábado e os 15 participantes recibirán unha formación totalmente práctica en laboratorio. A orixe e a prevención da contaminación dos alimentos, a lexislación aplicable, os procedementos xerais para realizar unha análise microbiolóxica, os tipos de contaminantes e a interpretación dos resultados dunha análise serán algúns dos aspectos sobre os que traballarán durante as 45 horas que impartirán os docentes Mª José Pérez, Julia Carballo, Ariana Pombar e Carmen Mª Sieiro, ademais do propio responsable do laboratorio.

“Cada vez a demanda en seguridade e en hixiene alimentaria é máis alta e as empresas necesitan técnicos que saiban cumprir a lexislación ou cando menos persoal que saiba o que pedirnos aos laboratorios que lles damos servizos nese aspecto”, destaca Rodríguez. Os fermentos e as bacterias como a salmonela, a listeria ou o e.coli serán algúns dos elementos que analizarán no laboratorio as persoas inscritas, na súa maioría estudantes ou titulados da área de ciencias ou persoal enviado por empresas para a súa formación. “Dende o noso laboratorio temos moi claro que a universidade está para servir á sociedade e se o que as empresas demandan é ese tipo de formación nós ofrecémoslla”, subliña o docente.