DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal acolle un curso de técnicos de brigada helitransportada contra incendios forestais

Teoría e práctica da loita contra o lume

25 estudantes coñecen nesta actividade o funcionamento de helicópteros e camións motobomba

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 24/04/2014

Cada verán, Galicia sofre a lacra dos incendios forestais. Por esa razón, a loita contra o lume precisa "de profesionais cuns sólidos coñecementos teóricos e tamén cunha moi boa base práctica", como recoñece o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Daniel Vega. Esa formación é precisamente a que se trata de proporcionar ao estudantado no Curso de técnicos de brigada helitransportada contra incendios forestais que ao longo desta semana Vega e David López, da empresa Forex, imparten no campus. O obxectivo é completar os coñecementos teóricos dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras coa aprendizaxe sobre o terreo de como se traballa cun camión motobomba ou cun helicóptero.

Un total de 25 persoas participan ao longo desta semana nunha actividade formativa aberta a toda a cidadanía pero á que asisten maioritariamente estudantes da EE Forestal. Entre eles, 15 alumnos e alumnas da materia Incendios forestais, que imparte o propio Vega e que se centra en “profundar nunha serie de aspectos teóricos sobre o comportamento dos lumes”. Por iso, no curso que a escola organiza conxuntamente coa empresa Forex e que subvenciona a Fundación Fessia, a formación relativa a como planificar a loita contra o lume complétase coa aprendizaxe sobre o terreo. “Principalmente, trátase dun curso de carácter práctico, no que os alumnos están aprendendo como é o manexo dos diferentes medios, terrestres e aéreos, que se empregan na loita contra incendios”. De feito, o curso incluíu prácticas sobre cun camión motobomba, para as que a escola contou coa colaboración do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, onde se desenvolveron parte das clases nas xornadas de martes e mércores. Nesta mesma liña, hoxe xoves tocou desprazarse ata a base do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta no Campiño, onde o alumnado puido aprender “como se desembarca, como se orienta un helicóptero para as descargas ou como se evacúa ao persoal nunha situación de emerxencia”, explica David López.

Formando profesionais para coordinar a loita

“Todos os días, fálase da necesidade de profesionalizar máis o sector da loita contra incendios, de contar con xente cunha boa formación e con experiencia e ese é un campo propio dos enxeñeiros forestais”, engade Vega, que explica que o obxectivo final desta iniciativa é dotar aos asistentes dos coñecementos teóricos e prácticos que lles permitan o día de mañá establecer sobre o terreo “as estratexias e tácticas máis apropiadas para combater cada lume”. Neste senso, David López engade que o curso “pretende basicamente abrirlles as portas do mercado laboral, dotándoos de competencias para traballar como técnico de brigada helitransportada ou como técnico de operacións contra incendios”.

Nos dous casos, as súas tarefas como profesionais estarían centradas en “planificar e coordinar a loita contra o lume e dirixir tanto a actuación das brigadas como dos medios aéreos”, explica López, que considera preciso que estas tarefas sexan asumidas por persoas“con coñecemento do monte e capaces de prever o comportamento do lume”, pero tamén formadas para “traballar coa máxima eficiencia e seguridade na planificación da extinción”. Por iso, xunto co coñecemento práctico das ferramentas que se empregan para combater o lume, este curso fai énfase en diferentes aspectos relativos á planificación, como as condicións de seguridade e as rutas de escape que é preciso establecer ou as zonas do monte nas que é máis apropiado combater o lume.