DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola asociación de alumnos da ETSE de Minas

A terceira edición do certame de fotografía 'Mundo Mineiro' espalla os seus premios a nivel estatal

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 20/12/2010
Excavadora de cables, Enerxía incandescente e Mineiros no volcán 2 son os títulos das tres imaxes gañadoras da terceira edición do certame de fotografía Mundo Mineiro, organizado pola sociedade que baixo o mesmo nome ten constituído o alumnado da ETS de Enxeñaría de Minas.

O primeiro premio, dotado con 400 euros en metálico e cunha cámara fotográfica, correspondeulle ao redondelán Ignacio Pérez, mentras que o segundo foi para Isaac Castro, natural de León, que recibiu, ademais de 300 euros, unha cámara fotográfica pola calidade da súa instantánea. O último dos galardóns, dotado con 100 euros, recibiuno o catalán Jesús García. Ademais dos correspondentes agasallos, a todos eles se lles fixo entrega dun trofeo que representa o logototipo da sociedade Mundo Mineiro. “Estamos moi satisfeitos porque conseguimos darlle ao concurso nivel estatal”, segundo palabras de Diego Casal, membro da sociedade Mundo Mineiro, que engade que “paralelamente, esta edición supuxo un incremento notable na calidade dos traballos presentados tanto dende o punto de vista técnico como dende a temática”.

Nesta ocasión o xurado estivo composto polo catedrático Enrique Orche, presidente da Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro, e por José María Lanaja, ex director da ETSE de Minas.

As corenta fotografías presentadas nesta terceira edición do concurso serán editadas conxuntamente nun catálogo que se lle enviará a cada un dos participantes, “grazas á escola, que nos ten ofrecido a súa colaboración”, apunta Casal.

Sociedade Mundo Mineiro

A sociedade Mundo Mineiro, formada por estudantes da propia escola, naceu no 2008 co obxectivo de realizar actividades que poñan a disposición do público o traballo do enxeñeiro de minas, a importancia que esta actividade ten acadado na actualidade e para crear unha opinión social favorable hacia ela, posto que “moita xente pensa que só se relaciona con contaminación e destrución da natureza”, tal como explica Casal, que engade que “queremos transmitir a idea de que a minería tamén é riqueza e progreso, pois está presente en sectores punteiros como o das enerxías alternativas e os vehículos eléctricos, entre outros”.