DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nieves Losada retratou na súa tese de doutoramento o perfil heteroxéneo do turista sénior

Na terceira idade, moito máis que viaxeiros do Imserso

A investigadora destaca a importancia de diversificar e especializar a oferta para maiores de 55 ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 12/11/2013

Cando unha persoa vai vivindo as diferentes etapas da vida dáse conta de que os tópicos asociadas a elas son pouco representativos do conxunto e só falan das características dunha parte. É o caso das persoas maiores, que ven por arte de partida de nacemento como pasan, ao cumprir 55 anos, a formar parte dun colectivo ao que se lle atribúen unha serie de características determinadas pola idade e pola súa situación laboral e non polas súas inquedanzas, intereses ou formación, por exemplo. Na súa tese de doutoramento, Nieves Losada afondou no comportamento e perfil destes sénior no caso concreto do turismo, retratando a súa heteroxeneidade as súas motivacións para viaxar. Por interese cultural, para ver á familia e aos amigos, por temas de traballo, por saúde e por moito máis os maiores collen a maleta non só cando se trata de viaxes subvencionadas polo Imserso.

A tese, dirixida pola docente Mª Elisa Alén, foi presentada na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense como broche a tres anos de investigación neste eido. Para realizala, a xa doutora partiu da información extraída de 602 cuestionarios telefónicos que fixo a maiores de 55 anos residentes en España en 2012. “No estudo analicei a relación que existe entre o comportamento do turista sénior (concretamente a súa tendencia a viaxar, a súa motivación e as características da viaxe) a partir das variables de ciclo de vida do individuo (como a idade ou ingresos económicos); de nivel sociocultural e de factores autopercibidos que actúan como incentivadores ou desincentivadores das vacacións (como son a saúde, o estatus económico e o tempo dispoñible)”, explica Losada.

Un 35% que viaxa por motivos culturais

Os resultados, comenta a investigadora, “amosan que, en contra do que se viña establecendo ata o de agora, a idade e a situación laboral do individuo son só dúas das variables que, xunto con moitas outras, determinan o comportamento de viaxe deste colectivo. O amplo colectivo sénior, no que respecta á súa faceta como consumidor turístico, revélase como un mercado moi heteroxéneo e cunha demanda moi diferenciada, de tal xeito que a oferta actual de produtos e servizos turísticos dirixida a este segmento semella obsoleta e insuficiente”. A oferta dirixida a eles, engade Losada, é xeralistas e pouco especializada, baseándose en “estereotipos caducos” que distan moito do perfil diverso deste usuario.

Como exemplo desta heteroxeneidade, apunta a xa doutora, na enquisa realizada atopáronse segmentos tan diferenciados como o de persoas que, con pouca frecuencia de viaxe ao longo do ano, realizan viaxes vacacionais de longa duración (35,5% dos enquisados); individuos cun alto poder adquisitivo e moita experiencia de viaxe que acostuman a ir coa parella e que fan viaxes vacacionais cunha forte compoñente cultural (29,3%); séniors que realizan desprazamentos a segundas residencias ou a casa de familiares e /ou amigos ao longo do ano (15,6%); persoas que fan viaxes de longa duración coa familia a casa doutros familiares e /ou amigos en períodos vacacionais (10,9%); maiores que realizan desprazamentos estatais ou internacionais por motivos de traballo, de curta duración e en períodos non vacacionais (3,6%); e mulleres con pouca experiencia de viaxe, de idade avanzada, que viaxan principalmente por motivos de saúde (5% da mostra).

O futuro

O sector turístico, indica Nieves Losada, será, segundo a Organización Mundial do Turismo, un dous máis beneficiados polo envellecemento da poboación mundial, sendo España o país máis envellecido e estimándose que no ano 2050 unha de cada dúas persoas terá, cando menos, 55 anos. “Este fenómeno demográfico é dende hai uns anos obxecto de estudo de numerosas disciplinas pero trátase de estudos centrados, na súa meirande parte, nos custos e consecuencias económicas asociadas ao proceso de envellecemento demográfico. Ignórase, con todo, o enorme potencial da poboación maior como consumidor nunha gran cantidade de mercados, entre os que destaca ou sector turístico”, comenta a autora sobre a relevancia da súa investigación.

Neste contexto, entre as implicacións que se extraen da súa investigación para o sector, apunta, están que se debería mellorar e adecuar a oferta de viaxes do sector público dirixida a aqueles colectivos que non poden acceder a outro tipo de viaxes, “toda vez que está amplamente demostrado que o sector público recupera con creces o invertido neste tipo de iniciativas de carácter subvencionado”. En segundo lugar, comenta, tendo en conta que os maiores que viaxan por motivos de saúde o fan, en efecto, por este motivo, tal e como mostran os resultados da súa investigación, e dado o elevado índice de envellecemento, sería necesario seguir promovendo o turismo de saúde por parte do sector público dende un punto de vista prevencionista para a saúde. “Debería, ademais, pórse en valor a relación de dependencia existente entre os propósitos de viaxe e os atributos de atracción do destino e ter en conta os distintos perfís de viaxeiros para una correcta segmentación do mercado e posteriores accións promocionais máis eficaces”, comenta a investigadora ourensá.

“Apúntase á xeración do baby boom, cun estilo de vida máis orientado ao lecer e ao goce do tempo libre, con maior poder adquisitivo e mellores condicións de saúde que as xeracións anteriores, como aquela que fará medrar o volume global de turismo. Con todo, trátase dunha xeración moi formada, con maior experiencia de viaxe e por tanto, máis esixente na súa faciana como consumidor turístico. Polo tanto é necesario investigar con rigor no sector para poder ofrecerlle unha oferta axeitada ás súas necesidades”, subliña a investigadora.