DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolleu un encontro cos centros de Trás-os-Montes e Alto Douro e o Politécnico do Porto

Termalismo e turismo reforzan a alianza estratéxica coas universidades do Norte de Portugal

A cooperación académica e investigadora serán as primeiras liñas nas que traballarán no marco do Cam

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/06/2014

Investigación en termalismo e colaboración académica en turismo. Estas serán as dúas primeiras liñas de traballo coas que arrancará a colaboración entre a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Utad), o Instituto Politécnico do Porto (IPP) e a Universidade de Vigo tendo como marco de referencia o Campus da Auga. Os responsables das tres institucións académicas déronse cita este luns no campus de Ourense no primeiro encontro interrexional que celebran para sentar as bases e comezar a traballar de xeito sistemático na cooperación entre elas. No contexto da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa (Crusoe), a alianza estratéxica destas universidades de Galicia e do Norte de Portugal afiánzase co obxectivo de aproveitar máis as oportunidades de dobres titulacións, mobilidade, investigación e transferencia que ofrece non só o contexto transfronteirizo senón tamén o europeo.

O I Encontro Interrexional Utad-IPP-Universidade de Vigo contou coa participación de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; António Fontainhas-Fernandes, reitor da Utad, e Rosário Gambôa, presidenta do IPP. A cita comezou cunha sesión de traballo na que participaron tamén Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais; Pedro Membiela, comisionado do Campus da Auga; Regina Carreira, vicexerenta de Internacionalización; Moncho G. Gesteira, director da área de investigación do Campus da Auga; António Silva, vicerreitor da Utad; Carlos Ramos, vicepresidente do IPP; Alberto Baptista, director na Utad, e Cristina Matos, directora no IPP.

Coa celebración deste encontro, apuntou Salustiano Mato, póñense en marcha un proceso de colaboración estratéxica interrexional “que será liderado desde o campus de Ourense porque o seu proxecto de especialización, o Campus da Auga, ten como unha das súas áreas de actividade o turismo e o termalismo”. Agradecendo á Universidade de Vigo que “abrira as súas portas a esta colaboración entre tres parceiros da Crusoe”, Rosário Gambôa destacou o grande interese e expectativas que se abren nesta colaboración, principalmente en temas como a mobilidade e grazas ao fondo cultural común. Esta cooperación, engadiu António Fontainhas, “nace con proxectos concretos, o que demostra que ten pernas para andar” e para facelo non só nun marco transfronteirizo senón europeo, tendo na mobilidade, a investigación e a transferencia os seus piares.

Primeiras accións concretas en xullo

O primeiro paso, explicou o reitor da Universidade de Vigo, será a sinatura dun memorandum de acordo que permita coñecer e coordinar as posibilidades que existen entre as tres institucións. Este memorandum terá como obxectivo analizar a oferta académica das tres entidades e facer un estudo comparativo de que titulacións se poden compartir ou complementar e que iniciativas de mobilidade se poden promover. Tamén permitirá visibilizar as capacidades de investigación existentes. Este documento, apuntaron as autoridades presentes, comezará a redactarse durante o mes de xullo para a súa sinatura en Outono.

Alén deste marco global de cooperación, froito da reunión celebrada este luns no campus de Ourense comezarase a traballar en dous eidos concretos. “Un dos campos onde vamos a iniciar o traballo é na parte académica, concretamente en turismo”, apuntou o reitor da Universidade de Vigo. Esta elección débese, explicou, aos estudos específicos que existen de grao e posgrao nas tres institucións neste eido, que “abre posibilidades para unha oferta de referencia internacional”. Unha vez amosado o interese común en colaborar neste aspecto serán os propios centros os que lideren este traballo. O segundo proxecto será arrancar a colaboración no eido investigador, concretamente en termalismo, para o que se aproveitará a estrutura de clústers creada para o Campus da Auga. En ambos casos o calendario será formar durante o mes de xullo os seus grupos de traballo para canto antes optar a convocatorias de interese en cada caso, como as de mobilidade internacional Iacobus. O obxectivo, apuntaron as autoridades presentes, será ter no curso 2015/2016 propostas activas no eido académico e presentarse canto antes a convocatorias que poidan xurdir no marco europeo de investigación.

Durante a celebración deste encontro, os participantes tamén foron recibidos no Pazo Provincial por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, con quen analizaron a posibilidade de establecer liñas de colaboración institucional, sinaladamente no ámbito do termalismo. Baltar ofreceu toda a colaboración neste ámbito e explicoulles o Plan Termal Ourensán, que na actualidade está a desenvolver a Deputación de Ourense coa Xunta de Galicia.