DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Fernando Cerdeira

A termografía infravermella permite previr desprendementos en fachadas de edificios

Detecta a falta de adherencia nos aplacados sen empregar catas destrutivas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 06/10/2008

A termografía infravermella é unha ferramenta óptima para a detección de falta de adherencia nos aplacados das fachadas de edificios, polo que é útil para previr futuros desprendementos. Esta técnica preséntase así como unha alternativa viable aos métodos empregados na actualidade que se limitan á observación ocular ou á inspección mediante catas destrutivas sobre algunhas pezas da fachada e a posterior extrapolación dos resultados obtidos.
O investigador Fernando Cerdeira é enxeñeiro industrial na especialidade de Organización Industrial e presenta esta alternativa na súa tese de doutoramento na que estudou a aplicación desta técnica e verificou o seu traballo en laboratorio obtendo resultados óptimos. Segundo explica o autor, “especialmente en Galicia emprégase como acabado de fachadas o revestimento con aplacados simplemente pegados aos cerramentos dos edificios” e determinados fallos ou erros nesta técnica poden provocar sinistros polo desprendemento de pezas de diverso tamaño que poden poñer en perigo aos viandantes ou danar bens públicos ou privados. A proposta de Fernando Cerdeira é substituír os métodos de control que se empregan actualmente pola termografía infravermella, unha técnica de ensaio non destrutiva que pode detectar a falta de adherencia no revestimento exterior dunha fachada composta por aplacados de pedra de reducido tamaño.

Que é a termografía infravermella?

Segundo explica o investigador, “a termografía infravermella fundaméntase na transformación, a través dos equipos adecuados como as cámaras termográficas, da radiación de carácter electromagnético emitida por calquera corpo nunha imaxe térmica de fácil comprensión a través dun código de cores ou de tonalidades de gris”.
O obxectivo deste traballo é establecer a idoneidade da técnica para este fin concreto, coñecendo as características da transmisión de calor en fachadas e as diferenzas de temperatura entre as condicións exteriores e interiores e establecer as condicións mínimas para a detección de defectos mediante ensaios en laboratorio. Deste xeito “desenvólvese unha metodoloxía de inspección que permite detectar con fiabilidade a existencia de lesións ou erros de execución nos aplacados”.

Resultados positivos

O traballo en laboratorio permitiu obter resultados que verifican que este sistema é unha ferramenta válida para a inspección, sen contacto físico, da posible falta de adherencia do aplacado. No que se refire á súa aplicación, o investigador destaca varios puntos relevantes. Por unha banda, “é clave planificar a hora de inspección da fachada dun edificio, que garanta un gradiente térmico adecuado entre as condicións interiores e exteriores”. O estudo desenvolto indica que é aconsellable a súa realización á primeira hora da mañá ou ben á ultima da noite, “cando a temperatura é máis baixa e non hai influenza directa da radiación solar”, destaca.
Outro dos resultado está relacionado co tamaño mínimo dos defectos que se detectan. “En caso de espesores de pedra de 20 mm e cun gradiente de temperatura real entre as superficies planas a 10 ºC, pódese identificar un defecto cun diámetro de 90 mm”, apunta Fernando Cerdeira.
Todos os resultados obtidos no laboratorio foron validados a través dunha simulación cun software de dinámica de fluídos computacional, “obténdose mapas de temperatura semellantes ás termografías”, o que confirma o éxito das probas.

Metodoloxía de traballo

Para levar a cabo esta investigación, Cerdeira realizou unha construción en laboratorio de dous modelos de parede a semellanza dun cerramento de fachada tipo. Segundo explica, “foron constituídos por aplacados de pedra de 20 e 30 mm de espesor, respectivamente, pegados cun morteiro de cemento-cola, no que se crearon diversos defectos en tamaño e en forma para simular a falta de adherencia”. Para completar as condicións precisas para realizar os experimentos, calefactouse o habitáculo posterior, probándose diferentes gradientes de temperatura entre o ambiente interior e exterior á parede modelo. Con estas características puidéronse realizar os ensaios con variantes reais o que demostra a viabilidade do sistema.