DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un vídeo amosa os estudos, os servizos e as instalacións da Universidade de Vigo nesta cidade

Tes catro minutos para ver o campus de Ourense?

O seu obxectivo é dar a coñecer aos futuros estudantes as posibilidades que ofrece

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/07/2012

Para estudar e para investigar pero tamén para gozar da cultura, do tempo libre e do deporte ou para emprender, o campus de Ourense ofrece á cidade que o acolle e ás persoas interesadas en formar parte da súa comunidade universitaria toda unha serie de servizos e instalacións. Para dar a coñecer a súa existencia e as súas potencialidades, a Vicerreitoría do campus vén de realizar un vídeo promocional que recolle en imaxes o máis destacado e representativo del.

O audiovisual, realizado pola creadora Andrea Valado, ten como obxectivo principal amosar a todas aquelas persoas interesadas os servizos da Universidade de Vigo en Ourense, facendo fincapé nas titulacións, servizos e instalacións das que dispón. Cunha imaxe fresca e actual, a peza amosa a beleza e a riqueza dos espazos verdes e os diferentes edificios que acollen a actividade académica, lúdica e deportiva. Tamén presenta a intensa actividade cultural que se desenvolve cada ano desde o campus e o ambiente universitario que se respira en diferentes espazos, como a biblioteca.

O obxectivo deste material é ser unha pílula audiovisual que, tendo en conta as limitacións de tempo, presente no seu conxunto o campus de Ourense, formado por unha comunidade universitaria de case 4500 estudantes cada curso, onde se imparten as titulacións de Ciencias Empresariais e Turismo, Educación, Ciencias, Dereito, Enxeñaría Informática, Historia e Enfermaría e 19 mestrados e onde se levan a cabo tarefas académicas, investigadoras e de transferencia. Unha ampla oferta que queda reflectida no audiovisual, para o que o artista Tristan Irvine (Fragments Of Winter) cedeu a banda sonora.

Coincidindo co período de matrícula para o curso 2012/2013 a Vicerreitoría do campus de Ourense publicou a peza este martes na súa web institucional, coa intención última de que as persoas interesadas en cursar estudos universitarios nos seus centros poidan, dedicando menos de catro minutos do seu tempo, ter unha imaxe positiva pero axustada á realidade da vida universitaria que poden ter en Ourense.