DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada polo investigador e docente Xoán M. Lombardero

Unha tese aborda a historia da profesionalización do traballo social en España

A través dunha análise do discurso da práctica política e do proceso decisional desde 1968 a 1988

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 21/06/2023

Práctica política e proceso decisional na profesionalización do traballo social en España (1968-1988). Unha análise do discurso. Este é o título da tese de doutoramento presentada polo investigador e docente Xoán M. Lombardero. Nela traza unha historia desta práctica principalmente en España pero tamén en Estados Unidos.

A tese, realizada no marco do Programa de Doutoramento Xestión e Resolución de Conflitos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica, estivo dirixida por Andrés Arias Astray, catedrático de Traballo Social e Servizos Sociais da Universidad Complutense de Madrid e obtivo a cualificación de cum laude. Foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, onde o xa doutor foi ata hai pouco tempo investigador e profesor da Área de Traballo Social e Servizos Sociais.

Conversación entre o traballo social español e o estadounidense

Segundo explica o seu autor, egresado en Traballo Social, o obxectivo principal da tese foi comprender como o labor do traballo social en España, no período definido entre 1968 e 1988, encamiñouse desde unha profesión secundarizada á reclamación e consecución de tres cuestións: un espazo nas políticas públicas sociais; a elaboración interna de propostas e alternativas coas que estar en condicións de ocupar ese espazo e presentarse ante a opinión pública como profesionais expertos e expertas e acadar posición social para artellar un novo modelo de servizos públicos no emerxente estado social. “Para isto empregamos cadros conceptuais da disciplina de traballo social e de ciencias do ámbito social, nomeadamente a ciencia política, e procederes historiográficos”, comenta Xoán M. Lombardero.

O traballo realizado, sinala o xa doutor pola Universidade de Vigo, fundaméntase na análise de políticas públicas; a profesionalización do traballo social e a denominada práctica política do traballo social, ofrecendo en conxunto “unha perspectiva lonxitudinal centrada en achegas norteamericanas tomadas de documentos primarios, complementados co recurso a fontes secundarias”. Ademais, a través de ferramentas metodolóxicas da análise do discurso, o investigador estudou os textos congresuais da profesión do traballo social español (1968-1988). “A proposta procura a conversación entre o traballo social español e o estadounidense na identificación de camiños cara a intervención pública e a creación de servizos”, afirma.

Concretamente, para a investigación procedeuse “a unha profunda revisión da historiografía do traballo social en Estados Unidos, a cal foi posta en contacto coa totalidade dos materiais congresuais do inicio do asociacionismo profesional en España, nun período que abrangueu as dúas primeiras décadas do mesmo”, comenta o autor do estudo. “A relación entre traballo social e servizos sociais, aínda que ás veces non de todo explicitada, resulta ben coñecida. Estaba descrita. E unha das achegas da tese é vincular o desenvolvemento do traballo social como condición sen a cal non se tería acadado o actual sistema público de servizos sociais. Este desenvolvemento profesional non veu dado desde fóra da profesión, senón que se baseou no que nos países anglosaxóns é coñecido como práctica política, unha subdisciplina do traballo social”, afirma Xoán M. Lombardero.

Deste xeito, na tese de doutoramento trázase “unha historia da práctica política do traballo social en Estados Unidos, desde as súas primeiras manifestacións de feito a comezos do século XX, na que leva o nome de reforma social ou lexislativa, ata que comeza a ser conceptualizada como materia académica propia do traballo social a finais da década de 1950 e, moi especialmente, nos anos 80 e 90 do pasado século”. Por outro lado, para o caso español, o estudo distingue tres etapas nas que subdividir esta práctica política durante as dúas décadas analizadas, etapas que “obedeceron ás distintas intensidades marcadas polo contexto xeral e á acumulación de forzas dentro do traballo social”.