DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora do campus de Ourense Laura Movilla é a súa autora

Unha tese sobre acuíferos transfronteirizos, distinguida como a mellor en Dereito Internacional Público

O I Premio Adolfo Miaja de la Muela foi entregado recentemente en Sevilla

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 12/11/2015

A investigadora do campus de Ourense Laura Movilla vén de recibir o I Premio Adolfo Miaja de la Muela á mellor tese de doutoramento en Dereito Internacional Público 2013/2015, concedido pola Asociación de Profesores de Dereito Internacional e Relacións Internacionais (Aepdiri). O seu traballo, presentado en xuño de 2014 e cualificado con sobresaínte cum laude, céntrase “no estudo da regulación dos recursos hídricos compartidos, prestando especial atención á dos acuíferos transfronteirizos, que a pesar de conter a maior cantidade de auga doce dispoñible pola humanidade teñen sido os grandes esquecidos tradicionalmente polo Dereito Internacional da Auga”, salienta a doutora.

O galardón, entregado a mediados de outubro na Universidade de Sevilla no marco das XXVI Xornadas Ordinarias da Aepdiri, foi recibido pola investigadora con satisfacción por ser a asociación que o concede unha “entidade con máis de 50 anos de antigüidade que conta con máis de 600 membros, profesores de Dereito Internacional Público, Dereito Internacional Privado e Relacións Internacionais, diplomáticos e xuíces internacionais". É ademais un aliciente para continuar co seu traballo neste eido, estando na actualidade realizando unha estadía no Strathclyde Centre for Environmental Law and Governance da Universidade de Strathclyde, en Glasgow, Reino Unido, onde sigue investigando sobre Dereito Internacional da Auga e Dereito Internacional do Medio Ambiente.

Unha regulación que dá os seus primeiros pasos

A tese pola que foi distinguida, subliña Laura Movilla, levou por título A regulación xurídica internacional dos recursos hídricos compartidos: os acuíferos transfronteirizos. Dirixida por José Manuel Sobrino e Belén Sánchez, o estudo analiza a regulación destes acuíferos e como se plasmou nesta regulación “dous elementos fundamentais, tanto do ordenamento xurídico e das relacións internacionais en xeral como da xestión dos recursos naturais compartidos en concreto, como son a soberanía e a cooperación”. A regulación internacional deste recurso vital e estratéxico, resume, “está dando aínda os seus primeiros pasos e farase necesario un esforzo de cooperación a todos os niveles, internacional, rexional e interestatal, para que sexa eficaz e eficiente”.

Mentres que a regulación dos recursos hídricos compartidos superficiais remóntase a épocas moi antigas e desenvolveuse amplamente, o ordenamento xurídico internacional, advirte, apenas prestou atención a estas augas subterráneas ata épocas moi recentes. Segundo explica, isto foi debido á súa maior falta de visibilidade, ao gran descoñecemento que existiu tradicionalmente sobre a súa localización, extensión, características e funcionamento e a que non foron explotadas de forma relevante ata as últimas décadas. Deste xeito, apunta a investigadora, desde o punto de vista xurídico internacional apenas existen tratados celebrados entre os estados que comparten un acuífero para regular a súa xestión.

Retos de futuro

Sobre a importancia deste tema, a investigadora lembra como “as augas subterráneas teñen unha enorme importancia cuantitativa e cualitativa”, representando o 97% da auga do planeta se se exclúe do cómputo a conxelada nos casquetes e glaciares polares. Neste contexto, apunta, moitos acuíferos son transfronteirizos, compartidos por dous ou máis estados, polo que se fai necesaria a intervención do Dereito Internacional para regular a súa explotación e protección. Concretamente, indica, a Unesco catalogou xa preto de 600 acuíferos ou masas de augas transfronteirizas, moitos dos cales albergan volumes inmensos de auga. Neste contexto, Laura Movilla sinala que “algúns dos desafíos que descubrimos nesta investigación aos que ten que facer fronte a incipiente regulación dos acuíferos transfronteirizos, ademais dos propios dos recursos hídricos compartidos en xeral, son, por exemplo, as actuacións unilaterais por parte dalgúns estados que comparten acuíferos ou a xestión dos acuíferos non renovables ou fósiles”.

Segundo explica, estas actuacións unilaterais están relacionadas principalmente co crecente discurso político por parte dalgúns estados sobre os recursos hídricos no contexto da seguridade nacional e co feito de que os acuíferos, a diferenza dos cursos de auga superficiais, están compostos de dous elementos: as augas subterráneas e a formación xeolóxica que as contén, parte indiscutible esta última do territorio dos estados e intimamente relacionada por tanto co seu poder soberano. Outro dos retos, engade a doutora, son os acuíferos non renovables ou fósiles, situados principalmente en zonas áridas do planeta e que conteñen grandes cantidades de auga moi antiga. Estes, explica a investigadora, “necesitan que a xestión da súa explotación, no caso de que esta sexa completamente necesaria, sexa planificada coidadosamente pois a súa prolongación no tempo conduce ao seu total esgotamento”.