DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Anais Rivas analizou a súa variabilidade en diferentes especies

Unha tese afonda na importancia da evolución do comportamento para a supervivencia das libélulas

O estudo describe comportamentos non estudados previamente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/06/2020

Afondar na importancia que a diversidade do comportamento ten na adaptación, evolución e supervivencia das especies e, polo tanto, na preservación da biodiversidade. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento de Anais Rivas, na que reúne unha serie de estudos realizados con diferentes especies de libélulas, nos que describe variacións de comportamentos non estudadas previamente. Concretamente, a investigación aborda os efectos da deforestación nos comportamentos dunha libélula do Ecuador; a existencia en México dunha especie na que machos coa mesma aparencia presentan dúas estratexias de comportamento; as posibles funcións, ata agora descoñecidas, dun apéndice que posúen as femias de diferentes especies; e as variacións dun tipo de comportamento, a translocación de esperma, único deste xénero de insectos. 

Este conxunto de investigacións permiten pór de relevo “a importancia que ten o estudo do comportamento animal e as implicacións da diversidade de comportamentos ou etodiversidade en materia de conservación e estudo da biodiversidade”, sinala Rivas Torres. A investigadora do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) sostén que a diversidade de comportamentos, ao igual que á de características físicas e fisiolóxicas, xoga un papel crucial na evolución das especies, determinando “en múltiples ocasións o seu illamento reprodutivo”. Dirixida polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal e investigador principal do grupo EcoEvo, Adolfo Cordero, e pola tamén investigadora do grupo Olalla Lorenzo-Carballa, a tese Etodiversidad. Estudio de la variabilidad del comportamiento sexual en el orden Odonata, céntrase no estudo dun grupo de insectos, “relativamente pequeno en canto a número de especies estudadas”, que posúen "unha ampla diversidade de comportamentos asociados á reprodución”, con variabilidade tanto entre as diferentes especies como dentro dunha mesma especie. “A xulgar polo rexistro fósil do grupo, estes insectos cambiaron pouco desde a súa orixe, o que suxire unha gran capacidade de adaptación”, sostén Rivas, que sinala ás libélulas como un “exemplo de adaptabilidade á súa contorna”, como amosa o feito de que poidan atoparse en “case calquera lugar do planeta, en múltiples e variados ambientes asociados a masas de auga”. De feito, a tese, articulada en cinco capítulos que deron pé diferentes publicacións en revistas científicas, é tamén o resultado dos traballos de campo que Rivas realizou en Ecuador, Brasil, México, Cuba e Fixi, así como en diferentes puntos de Galicia.

Un apéndice cuxa función non se coñece 

A espiña vulvar, unha estrutura anatómica situada no abdome das femias de varias especies do odonatos e “cuxa función se descoñece”, centra un dos capítulos desta tese. Nel, Rivas formula as hipóteses de que podería servir para aumentar a eficacia da oviposición, “para estimular os machos e facer que liberen esperma” ou para causarlles dano e “acurtar a duración da cópula”, como resultado da evolución no marco do “conflito sexual macho-femia”. Mais estas hipóteses non puideron confirmarse nos estudos realizados no laboratorio coa especie europea Enallagma cyathigerum, que, non obstante, si permitiron detectar na vesícula seminal dos machos “unha serie de estruturas en forma de pregues” que parecen “correlacionarse co número de apareamentos”. Estruturas similares, explica Rivas, foran observadas noutras especies nas que as femias posúen espiña vulvar, pero nunca nas que non a teñen, polo que “á luz deste descubrimento, formúlase a hipótese” de que estes pregues ”poderían ter evolucionado como unha contra-adaptación a unha lesión copulatoria”, algo que, de confirmarse, suporía o “primeiro caso dentro deste grupo de insectos”.

Mesma aparencia, distintos comportamentos

A análise das “estratexias reprodutoras alternativas”, comunmente asociadas á existencia de machos morfoloxicamente diferentes dentro dunha mesma especie, centrou outros dos estudos desta tese. Rivas empregou como modelo a Paraphlebia zoe, unha especie endémica de México “cunha gran diversidade de comportamentos”, na que “existen machos de ás con franxas brancas e negras, que son máis territoriais, agresivos e teñen máis éxito reprodutivo, e machos de ás hialinas, que soen actuar como satélites”. Nun estudo levado a cabo na rexión de Veracruz puido comprobar como machos de ás brancas e negras “compartían un mesmo territorio” con dúas “estratexias de comportamento” diferentes, polas que uns amosábanse como dominantes e outros como submisos. “A presenza desta diversidade de comportamentos dentro dun mesmo morfo pode depender de factores demográficos”, apunta a investigadora, que explica que os experimentos realizados mudando as cores das ás suxiren que estes roles son “estables e fixos”. 

As variacións dun comportamento único nas libélulas

A tese tamén busca saber máis dun “comportamento exclusivo” deste grupo de insectos, a translocación de esperma, o proceso polo que os machos transfiren os espermatozoides á súa vesícula seminal. Rivas analizou o caso da Ischnura graellsii, unha libélula fácil de atopar en Galicia, que estudos previos apuntaban que non sempre realizaba a translocación xusto antes da cópula, senón que empregaba o esperma previamente almacenado, o que podería afectar á  súa calidade. A investigación permitiulle comprobar de feito como a fertilidade das femias diminuía naqueles casos nos que o macho non realizara a translocación inmediatamente antes da cópula. 

“A conclusión é que a especial disposición anatómica dos odonatos abre presións selectivas para maximizar a viabilidade dos espermatozoides, a través da plasticidade e variedade no comportamento", conclúe Rivas, que noutro dos capítulos presenta unha revisión da literatura científica sobre este comportamento e as súas variacións. Reunindo a información existente sobre 176 especies, esta análise permitiu pór de manifesto “a existencia dunha gran variedade de tipos de translocación”. A máis común, no 66% dos casos analizados, é a que se realiza unha vez por apareamento, trala formación do tándem entre o macho e a femia, pero existen tamén outras variantes, como a realizada antes do tándem, antes da cópula tras contacto xenital ou durante e despois da cópula. 

Os efecto dos cambios nos hábitats

A tese inclúe tamén un “estudo comparativo da supervivencia e comportamento” de dúas poboacións da especie Heteragrion cooki, realizado na rexión ecuatoriana de El Oro. “O estudo do comportamento é importante para comprender como afecta ás especies tropicais a crecente deforestación que sofre esta rexión”, sinalou Rivas, que levou a cabo o estudo en dous arroios próximos, un que mantén partes do bosque e vexetación de ribeira e outro situado entre cultivos agrícolas. A pesares de que a Heteragrion cooki prefire os ambientes sombríos do primeiro, atopáronse “densidades similares de machos” en ambos arroios, o que podería vir motivado pola existencia de “pequenos restos de bosque” que puidesen actuar como refuxios, pero que podería implicar tamén, sinala, unha adaptación do comportamento.