DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Almudena Fernández delimita un novo marco teórico da pintura

Ampliando os límites desta disciplina máis aló do pincel, o marco ou a bidimensionalidad

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 16/06/2009

Se só podemos considerar pintura aquelas representacións feitas con pintura e pincel, enclaustradas no espazo do marco, sen chegar a conquistar a terceira dimensión e totalmente alleas ao tempo real, moitas das manifestacións pictóricas dos últimos tempos quedarían fóra desta categoría. Este mesmo pensamento asaltou a Almudena Fernández ao decatarse de que o seu traballo “comezaba a derivar en presupostos pictóricos que rompían as convencións vinculadas tradicionalmente á categoría de pintura” e creoulle a necesidade de xustificar a súa práctica dende un novo marco teórico, cuestionando ditas convencións.
Toda esa investigación queda agora recollida na súa tese O que a pintura non é. A lóxica da negación como afirmación do campo expandido na pintura, cualificada con sobresaínte cum laude e dirixida por Juan Carlos Meana, e conclúe que a “lóxica relacional por oposición demostra que na postmodernidade a pintura desenvólvese nun ‘campo estendido’”.
Nesta viaxe cara á dotación dun novo marco teórico, Fernández tirou do concepto de “escultura no campo estendido” co que Rosalind Krauss redefiniu a heteroxeneidade das manifestacións artísticas de finais dos anos sesenta. No seu ensaio Krauss xa apuntara unha posibilidade de estensión no ámbito da pintura, “unha posibilidade que para el viría da man das técnicas reproductoras, da imaxe múltiple”, explica. Máis aló diso, Fernández quixo ampliar esa posibilidade para dar cabida a unha práctica pictórica que, incluso antes dos anos sesenta, presentaba rupturas dunha radicalidade que obrigaba a redefinir a categoría de pintura. “Aplicando a lóxica inversa, negando as convencións técnicas (a materia e o pincel), as convencións estéticas e perceptivas (as herdadas pola lóxica espacial do cadro-fiestra imposta desde o Renacemento) prodúcese unha verdadeira ruptura postmoderna”, sinala.

Nin eterna nin inmutable

Así, da man da lóxica estruturalista aplicada por Krauss, a oposición de dous elementos que entre eles manteñan unha relación de contradicción, a tese amplía os límites da pintura a través dos binomios medio/non medio, marco/non marco, bidimensionalidade/non bidimensionalidade e estaticidade/non estaticidade. “Un elemento serían as convencións sinaladas, a súa contradicción aquelo que a pintura non é; aplicando a lóxica inversa a categoría da pintura amplía os seus límites”, explica. Como exemplo destas rupturas, Fernández amosa a súa propia obra, pero tamén a doutros artistas que admitiron termos anteriormente prohibidos e que en tantas ocasións deron a pintura por defunta.

Retroalimentación entre a teoría e a práctica

A necesidade de adoptar un marco teórico naceu da propia práctica da artista e agora, logo de tres anos de traballo basicamente teórico, volve a ela para volcar todas estas conclusións en novas obras. Pero non significa que abandone a investigación xa que como ela mesma explica, “a propia práctica é parte da investigación e a forma de profundizar máis no tema”. Ao longo da súa carreira, Fernández ten recibido premios como o Francisco de Goya (Villa de Madrid) en 1996 e o primeiro premio de pintura L’Oreal, catro anos despois, dous premios de ámbito nacional de gran prestixio. Para a súa investigación plástica gozou da Beca-Máster Caixa Galicia e a Pollock-Krasner Foundation (Nova York). As súas obras teñen sido expostas na Galería SCQ de Santiago de Compostela, onde actualmente traballa, a Galería Arte Periférica de Lisboa e ultimamente na Galería Astarté, de Madrid. Unha mostra da súa producción tamén formou parte da exposición colectiva “Artistas galegos ara un cambio de milenio”, celebrada en Santiago de Compostela como aposta por artistas novos e incorporación de novos nomes á plástica galega.