DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola investigadora da UVigo Laura Meno Fariñas

Unha tese axusta os modelos de predición do risco de alternariose no cultivo da pataca co obxectivo de facer un uso sostible dos funxicidas

Centrouse na comarca da Limia, unha das zonas de maior produción estatal deste produto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 11/04/2023

Cunha produción de máis de 110.000 toneladas anuais, A Limia (Ourense), explica a enxeñeira agrónoma Laura Meno, é unha das principais comarcas produtoras de pataca a nivel estatal. Na súa tese de doutoramento, esta investigadora da Facultade de Ciencias quixo contribuír á sostibilidade deste sector afondando no coñecemento da alternariose, unha enfermidade fúnxica que xunto co mildio supón unha das principais preocupacións para as e os agricultores. No seu estudo axustou os modelos de predición desta enfermidade ás condicións climáticas e agrícolas da zona co obxectivo de empregar os funxicidas de xeito correcto e xustificado, algo que, destaca, non só contribúe a mellorar a saúde do medio ambiente senón que supón un importante aforro económico para o sector.

Evitar o uso innecesario de funxicidas  

A tese, realizada no marco do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, estivo dirixida polas doutoras María Carmen Seijo e Olga Escuredo e foi realizada cun contrato FPU do Ministerio de Educación. Segundo explica a súa autora, 1º Premio Nacional Fin de Carreira (2016-2017) en Enxeñaría Agraria, “nos últimos anos, estase a observar un incremento da temperatura global e unha diminución das precipitacións durante as épocas estivais como consecuencia do cambio climático”. Esta modificación do clima, detalla, está a afectar tanto ao ciclo de cultivo da pataca e os seus rendementos como ás pragas e enfermidades que lles afectan. Entre estas enfermidades sensibles ao cambio climático, apunta que está a alternariose, unha enfermidade fúnxica da pataca cunha “clara tendencia a incrementar a súa incidencia”. Segundo explica a xa doutora, “os métodos máis eficaces dos que dispón o agricultor para o control de enfermidades nos seus cultivos baséanse na aplicación de funxicidas baixo calendarios preestablecidos pero a pauta de aplicación non considera o risco de que a enfermidade se desenvolva, senón o tempo que pasa dende a última dose (calendarios prestablecidos), polo que a maioría das veces realízanse aplicacións innecesarias ou que chegan tarde ao ataque, facendo que o seu control sexa máis difícil e incluso sexan necesarias máis aplicacións”.

Tendo en conta este marco de traballo e o feito de que dentro da estratexia do Pacto Verde Europeo para a loita contra o cambio climático inclúese o obxectivo de reducir nun 50% o uso de pesticidas, na súa tese Laura Meno investigou sobre a presencia da alternariose nos cultivos de pataca na comarca da Limia e o comportamento desta enfermidade e desenvolveu unha estratexia de manexo das parcelas agrícolas baseándose no uso de modelos de prognóstico axustados para predicir o comportamento dunha praga ou enfermidade e establecer os niveis de risco para os cultivos. Trátase, apunta a investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, de contribuír a que as e os agricultores poidan controlar esta enfermidade empregando de xeito xustificado os fitosanitarios, é dicir,  só cando realmente é necesario ou hai risco de infección, evitando o uso dos calendarios preestablecidos “que en moitos dos casos resultan en aplicacións innecesarias ou tardías”.

Coñecemento e aplicación

A investigación centrouse en tres obxectivos: investigar a influencia das condicións meteorolóxicas no desenvolvemento da alternariose no cultivo da pataca e avaliar o impacto do cambio climático sobre este cultivo e esta enfermidade; axustar modelos de prognóstico da alternariose á zona de produción como ferramenta para a toma de decisións á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios;  ver a evolución da calidade da pataca e a presencia de patóxenos durante o almacenamento e aplicar a tecnoloxía de infrarvermello cercano (NIR) para a rápida determinación dos principais parámetros fisicoquímicos indicadores de calidade. A parte experimental da investigación levouse a cabo en parcelas de cultivo situadas na comarca da Limia e Allariz-Maceda, dende o ciclo de cultivo do ano 2016 ata 2022, e en dous almacéns (un tradicional sen control das condicións ambientais e outro con condicións controladas). As variedades de patacas probadas foron: Fleur Bleue, Frisia, Fontane, Louisa, Agria, Daifla, Red Pontiac, Kennebec e Desiree. Os modelos de prognóstico testados foron de tres tipos: modelos baseados no desenvolvemento fenolóxico da planta de pataca (P-Days, GDD e WE), baseados nas condicións favorables para o desenvolvemento do patóxeno alternaria (IWP e TOMCAST) e un modelo que combina tanto as condicións favorables para o desenvolvemento fenolóxico da planta como as do patóxeno (TOMCAST+P-Days).

Entre as conclusións obtidas, a investigadora sinala que os estudos levados a cabo amosaron que “a temperatura é un dos factores decisivos no ciclo de infección de alternaria: inflúe tanto na liberación de conidios como no desenvolvemento da enfermidade”. En canto ás condicións de humidade indica que altos valores de humidade relativa tamén son necesarios para a presenza de conidios no ambiente. “Cando se combinou a temperatura e a humidade foliar nunha mesma variable, o número de conidios no ambiente viuse incrementado polo aumento da temperatura durante as horas de humidade foliar, sobre todo nos dous días anteriores, así como os períodos de humidade interrompida”, recolle a tese. Ademais, apunta Laura Meno, o emprego de intelixencia artificial na  investigación “proporcionounos unha ferramenta moi útil para a busca das variables máis determinantes na liberación de conidios, amosando que a humidade relativa e a radiación son as variables horarias máis determinantes no comportamento desta enfermidade”.

Polo que respecta aos modelos testados, no estudo recóllese que os baseados no desenvolvemento da planta amosaron unha predición máis acertada dos primeiros síntomas excepto o GDD, mentres que os baseados no patóxeno foron “os máis conservadores”, prognosticando os primeiros síntomas ata 30 días antes da aparicións das primeiras infeccións. Na tese preséntase o axuste para a comarca da Limia dos modelos de predición abordados segundo as observacións da enfermidade nesta comarca realizadas por Laura Meno.

En canto á relación entre as condicións ambientais de almacenaxe e os niveis das esporas dos patóxenos da pataca, a tese recolle entre as súas conclusións que “a temperatura e a humidade tiveron unha relación positiva e significativa coa presenza de alternaria e doutras enfermidades que afectan a conservación dos tubérculos nos almacéns, como helminthosporium, sendo os coeficientes máis altos os de temperatura media e máxima”. Polo tanto, sinálase, o emprego de condicións controladas durante o período de conservación pode axudar a prolongar a vida útil deste alimento en condicións óptimas de calidade. Finalmente, co obxectivo de estimar na pataca a concentración dos principais parámetros de calidade como é a materia seca e os azucres redutores a través dun método non destrutivo, na investigación aplicouse a tecnoloxía de NIR durante o período de almacenamento, acadando “resultados aceptables”. “Estes resultados poden ser interesantes á hora da súa incorporación nas liñas de envasado para unha selección automatizada e instantánea, que como novidade se faría sobre os tubérculos sen pelar”, afirma a investigadora do campus de Ourense.