DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carla Gonçalves levou a cabo este estudo con alumnos do Instituto Politécnico de Viana do Castelo

Unha tese constata os beneficios para a mocidade dun adestramento centrado na mellora do equilibrio 

Realizado tanto sobre unha superficie estable como inestable

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/02/2022

Os programas de adestramento neuromuscular orientados á mellora do equilibrio e do control postural teñen amosado os seus beneficios en múltiples ámbitos, desde o rendemento deportivo ata a prevención de caídas en persoas maiores. Non obstante, “os beneficios desta práctica na poboación máis nova non parecen ser esclarecedores”, recoñece a investigadora Carla Gonçalves, quen, partindo deste feito, centrou a súa tese de doutoramento en analizar os efectos de dun programa de adestramento do equilibrio estático e dinámico en estudantes universitarios. A investigación que levou a cabo cun grupo de alumnas e alumnos da Escola Superior de Desporto e Lazer do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) permitiulle constatar como un programa de exercicios de nove semanas implicaba “melloras significativas” nas diferentes medidas de avaliación tanto do equilibrio estático, a capacidade de manterse erguido e estable sen realizar desprazamentos, como do dinámico. 

Profesora convidada na Escola Superior de Desporto e Lazer de Melgaço, na que se levou a cabo a investigación, Cerqueira Gonçalves desenvolveu a súa tese Impacto de um programa de treino muscular no equilibrio postural en jovens adultos ativos no programa de doutoramento en Educación, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e do docente do IPVC Pedro Bezerra. “O equilibrio e o control postural son a base para a execución do movemento humano, desde simples tarefas da vida diaria a xestos deportivos máis técnicos e complexos”, sinala esta investigadora e docente, con máis de dez anos de experiencia profesional como instrutora en ximnasios. “As variables de estabilidade postural, equilibrio estático e equilibro dinámico” téñense amosado fundamentais, engade, como “preditores do rendemento deportivo”, pero tamén en materia de rehabilitación e prevención de lesións, motivo polo que incide na importancia de “ter unha maior solidez científica na avaliación dos beneficios” que a prescrición de adestramento neuromuscular pode ter en etapas como a infancia e a mocidade, nas “que deben desenvolverse as capacidades físicas”. 

Traballo sobre superficies estables e inestables

Un total de 77 alumnos e alumnas de entre 19 e 20 anos participaron nun estudo no que Gonçañves buscaba tamén verificar a influencia que podía ter realizar este adestramento sobre unha “plataforma inestable”, como era neste caso un bosu, fronte á realización do mesmo programa de exercicios en solo. Para esta investigación, as e os estudantes dividíronse en tres grupos, dous experimentais que levaron a cabo o mesmo programa, uns sobre solo e outros sobre o bosu, unha semiesfera empregada para o traballo do equilibrio, e un grupo de control que “mantivo as súas rutinas de adestramento”. Este programa de adestramento levouse a cabo ao longo de nove semanas, con tres sesións de 45 minutos en cada unha delas, consistentes na realización dunha serie de “exercicios neuromusculares” empregando o seu peso corporal, nomeadamente diferentes “exercicios de forza dos membros inferiores, con progresións semanais”, que foron planeados para “desafiar os sistemas somatosensorial, vestibular e visual”, determinantes, lembra Gonçalves, para o mantemento do equilibrio. 

Melloras en ambos casos

Rematado o programa, o equilibrio postural estático foi avaliado a través dunha plataforma de forzas Kistler, tanto cos ollos abertos e pechados como “en desafío do sistema visual-vestibular”, explica a investigadora. “Todos os grupos mostraron melloras significativas”, sinala Gonçalves, que destaca que nesta avaliación non se rexistraron “diferencias estatisticamente significativas” entre os diferentes grupos participantes. Algo similar aconteceu na avaliación do equilibrio postural dinámico, realizada a través do Y Balance Test, que permite medir “o alcance máximo anterior, posterolateral e posteromedial”. Despois da intervención, tanto o grupo que realizou o adestramento en solo como o que o fixo no bosu “presentaron resultados significativamente mellores en todas as medidas” deste test, mentres que non se detectaron cambios en ningunha das variables no grupo de control.

“De forma xeral, o adestramento cunha superficie inestable ou estable parece ter o mesmo impacto na melloría do control do equilibrio estático e dinámico en adultos novos”, conclúe Gonçalves. Por outra banda, no referido ás diferencias entre sexos, as mulleres participantes presentaron un “mellor índice de estabilidade” que os homes “en todas as condicións do equilibrio estático”, mentres que eles tiveron un rendemento un 6% superior que as alumnas na proba posterolateral do Y Balance Test. Así mesmo, os resultados da investigación, engade, “indican unha relación, de pequena a moderada, entre o equilibrio estático e o dinámico no control postural”.