DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da investigación de Juan Ramón Troncoso solicitáronse oito patentes internacionais

Unha tese desenvolve un sistema que asegura a privacidade das análises de secuencias de ADN

O traballo proporciona un nivel de seguridade inalcanzable ata agora en escenarios como o procesado

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/06/2012
A tese presentada por Juan Ramón Troncoso representa un “avance considerable no procesado cifrado de sinais”. Así o determinou o xurado de expertos de Italia, Austria e Estados Unidos encargado de valorar o seu traballo, froito do cal foron solicitadas oito patentes internacionais. Os seus avances para asegurar a privacidade no procesado de sinais cifradas son aplicables a campos como a autentificación biométrica de caras ou iris ou na biomedicina, proporcionando unha análise segura das secuencias de ADN. Os resultados da tese do investigador do Grupo de Procesado do Sinal en Comunicacións achegan, como el mesmo explica, “solucións a nivel teórico e práctico para o procesado seguro destes sinais en contornas non confiables mentres se atopan cifradas, permitindo proporcionar un nivel de seguridade inalcanzable ata agora en escenarios tan estendidos como o procesado na nube”.

A biomedicina, un dos campos máis delicados

As aplicacións desta tese son múltiples e están orientadas tanto á autentificación biométrica segura, como ao filtrado adaptativo seguro de sinais privados ou o procesado de sinais na nube. Pero un dos campos de aplicación máis delicados é a biomedicina, en concreto, a análise segura de secuencias de ADN na procura de enfermidades xenéticas. Segundo explica Troncoso, “dende o punto de vista da privacidade, o ADN é o sinal máis sensible que se pode extraer dun individuo, polo que un dos obxectivos da tese é proporcionar unha solución privada para este escenario”. Esta solución baséase en tecnoloxías de procesado cifrado que conseguen que as cadeas de ADN dos pacientes non se teñan que proporcionar “en claro ao sistema de detección, posibilitando unha análise xenética efectiva, eficiente e totalmente privada”.

Este sistema serve tamén para asegurar a privacidade de resonancias magnéticas, electroencefalogramas ou electrocardiogramas e, no eido da biometría, de caras, pegadas dactilares ou iris.

Oito patentes solicitadas

O tribunal da tese, composto por expertos internacionais nos campos de procesado do sinal, criptografía e protocolos seguros destacou o traballo realizado como un “avance considerable” no procesado cifrado de sinais, non só dende o punto de vista de investigación, “reflectido en numerosas publicacións en revistas e congresos científicos internacionais”. Os membros do xurado destacaron tamén o valor das oito patentes internacionais solicitadas, en colaboración con empresas como Philips Research Europe e grazas á aposta pola transferencia do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

Un grupo punteiro

A tese de Juan Ramón Troncoso desenvolveuse no seo do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) dirixida e tutelada polo catedrático de Teoría do Sinal Fernando Pérez. Este grupo é pioneiro en investigación en seguridade multimedia aplicada á autenticación de vídeos e imaxes en videosupervisión, protección de copyright e análise forense de sinais multimedia. O GPSC ostenta un liderado europeo nesta liña de investigación, con numerosas publicacións científicas e patentes internacionais. A tese é un reflexo do traballo deste grupo dentro do incipiente campo de investigación do procesado de sinais cifradas, e combina as disciplinas de procesado de sinal, criptografía, teoría de números e matemática discreta.