DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obtivo o premio Premio Saínz de Bujanda, que outorga o Instituto de Estudios Fiscales

A tese de doutoramento de Antía García, a mellor de España en dereito financeiro

Analiza a comprobación de valores, un dos procedementos de aplicación dos tributos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/12/2018

A tese de doutoramento da investigadora do Departamento de Dereito Público Especial Antía García sobre a comprobación de valores no ámbito tributario, non deixa de reportarlle boas noticias. Presentada hai escasamente un ano, en novembro de 2017 e cualificada cun sobresaínte cum laude por unanimidade, vén de recibir o Premio Saínz de Bujanda á mellor tese de doutoramento en España no ano 2017/2018 en dereito financeiro. Trátase dun galardón de moito prestixio que outorga o Instituto de Estudios Fiscales, institución pública dependente do Ministerio de Hacienda.

García, que na actualidade é Inspectora de Hacienda do Estado, non pode “negar que me fixo especial ilusión, sobre todo polo que significa de ratificación da calidade da miña tese, e ademais porque o meu traballo competiu con investigacións de universidades de prestixio como a de Barcelona, a CEU de Madrid, a de Estremadura ou a Rovira e Virgili”. Pero esta non foi a única boa noticia para a investigadora, que acaba de coñecer que en 2019 a súa tese publicarase na colección de Estudos Xurídicos, do Instituto de Estudos Fiscais.

A súa investigación, dirixida por Roberto Ignacio Fernández López, profesor titular acreditado de catedrático de Dereito Financeiro, analiza a comprobación de valores, un dos procedementos de aplicación dos tributos, no ámbito do Dereito Financeiro e Tributario. Na súa análise parte da regulación xurídica desta figura que está recollida na Lei Xeral Tributaria e a da súa aplicación práctica. “Debemos ser conscientes da súa gran transcendencia práctica, porque é de emprego habitual nos impostos que gravan o tráfico patrimonial entre particulares, ou sexa, o impostos de sucesións e doazóns e o propio imposto de transmisións”.

A complexidade da comprobación de valores

A doutora remarca que se trata “dunha figura complexa, xa que é unha potestade administrativa ademais de un procedemento estrito senso. Noutras palabras, é unha potestade que se materializa a través dun procedemento tributario propio”. Como consecuencia desta natureza xurídica complexa, engade, “a comprobación de valores está suxeita a unha serie de límites que afectan a súa condición de potestade e outros que afectan a súa condición de procedemento”.

Recoñece que é un tema que sempre lle interesou e, aínda que agora é inspectora de Facenda do Estado, “cando comecei a estudalo en profundidade acababa de aprobar a oposición de Inspectora de Facenda da Xunta, e a comprobación é un tema fundamental á hora de aplicar os impostos xestionados pola Xunta de Galicia”. Isto permitíalle, segundo recoñece, poder facer un estudo completo, non só dende a teoría senón tamén dende o desempeño profesional. Ademais, o feito de ser “un dos procedementos de aplicación dos tributos que máis conflitividade presenta na práctica, facíao especialmente atractivo, tanto dende a perspectiva das posibles melloras no funcionamento da Administración, como dende a perspectiva dunha mellor defensa dos dereitos dos cidadáns”. 

Na tese analízanse os distintos medios de comprobación, e tamén outras cuestións importantes como a elección dos medios pola Administración ou a posibilidade de que unha Administración determinada cree novos medios de comprobación distintos aos regulados pola normativa xeral. Igualmente, no traballo estúdanse os requisitos e os efectos da comprobación de valores, prestándolle especial atención a vinculación das Administracións ás valoracións realizadas anteriormente. Por último analizase a impugnación da comprobación de valores, así como a taxación pericial contraditoria, que é un mecanismo de oposición exclusivo da comprobación de valores. Examinados todos os aspectos anteriores, engade García, “cheguei a unha serie de conclusións sobre os problemas asociados á comprobación de valores, á eficiencia da Administración e á necesidade de seguridade xurídica para os cidadáns. Ademais, tiven ocasión de publicar varios artigos académicos ao respecto destas cuestións”.

Moi ligada á Universidade de Vigo

Entre setembro de 2017 e outubro de 2018, García exerceu como docente de Dereito Financeiro na Universidade de Vigo, tras estudar Dereito no campus de Ourense, acadando o Premio Extraordinario de Licenciatura. Unha vez remata a carreira aprobou a oposición de inspectora de Finanzas da Xunta de Galicia, e despois a de Inspectora de Hacienda do Estado, e actualmente ostenta o cargo de xefa de Equipo da Inspección da AEAT na Delegación especial de Galicia.