DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do investigador Brais Suárez, que aposta por unha transformación socioeconómica horizontal

Unha tese identifica 12 principios que facilitarían a compatibilidade da circularidade económica coa sostibilidade ambiental

Sinala a importancia da xestión política para acadar un sistema de produción-consumo equilibrado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 11/11/2021

Reciclar, reducir e reutilizar. Alén destes tres coñecidos verbos atópase a idea de repensar os modelos de produción actuais, que son lineais, rápidos e pouco sostibles para o planeta. Esta é unha das claves da economía circular, un sistema de produción e consumo que pretende facer fronte aos procedementos lineais mediante a optimización e aproveitamento dos recursos e residuos. Decatándose de que, malia o protagonismo político e social deste novo concepto, “seguimos facendo as cousas mal”, o investigador Brais Suárez centrou a súa tese de doutoramento na elaboración dun marco de traballo baseado na inclusión da economía circular no paradigma da sostibilidade ambiental. 

Dirixida polo catedrático Emilio Fernández e polo profesor Gonzalo Méndez, a investigación desbota a idea de axustar as actividades humanas aos límites da natureza e aposta pola transformación xeral do sistema socioeconómico. Esta liña de investigación permitiu ao xa doutor Brais Suárez comezar a traballar no mes de setembro no proxecto europeo JUST2CE. A just transition of circular economy, liderado polo investigador Mario Pansera. 

Á busca dunha economía circular, sostible e resiliente

Segundo o traballo de Brais Suárez, é palpable que a economía circular ten un protagonismo claro na axenda política global, tanto que “temos a sensación de que pode ser a panacea para resolver todos os problemas relacionados co sistema de produción-consumo insostible que temos hoxe en día”. Porén, Suárez cuestiona co seu estudo a utilidade da economía circular tal e como se está a implementar, polo que resume o leitmotiv da súa tese nunha pregunta: “que fai falla para ter unha economía circular verdadeiramente sostible?”. 

O investigador indica que o propósito de acadar un modelo económico circular non é suficiente se non se persegue tamén a resiliencia, e que para conseguir unha convivencia adecuada entre o medio social e o natural será preciso ser más ambiciosos e traballar horizontalmente, isto é, “levar a cabo unha transformación social verdadeira”. Como exemplo, Suárez sinala que debemos modificar “a forma de relacionarnos ou de divertirnos” máis que substituír a tecnoloxía dispoñible por outra: “se cambiamos todos os vehículos de combustión por vehículos eléctricos, imos ter moitos problemas, e moi serios”. É por isto que a transición cara un novo paradigma esixe transformacións máis profundas, que pasan por dotar ao modelo económico de recursos e ferramentas que lle permitan adaptarse ás circunstancias con facilidade. 

Accións para convivir cun medio natural limitado

Despois dunha revisión da literatura sobre a temática tratada, Brais Suárez deduciu unha serie de 12 principios operativos que vincularían as necesidades da sostibilidade ambiental coas accións económicas finais, compatibilizando a circularidade coa sostibilidade: peche do sistema, conservación dos recursos no sistema o maior tempo posible, axuste das entradas e saídas ao sistema, redución do tamaño do sistema, deseño destinado a unha economía circular, educación nunha economía desta natureza, mantemento da diversidade e da redundancia, xestión da conectividade, control das realimentacións, fomento de sistemas de gobernanza policéntrica colaborativa e fomento da participación activa e da transparencia. 

O doutor sinala que cada un deses principios operativos leva consigo accións determinadas. A idea da circularidade, argumenta, “materialízase nos procesos de reciclar, refabricar ou reparar, que tratan de pechar o sistema e de manter os recursos dentro do mesmo a longo prazo”. Pola súa banda, o paradigma da sostibilidade acadaríase “utilizando enerxías renovables, promovendo o uso de materiais orgánicos, reducindo as emisións, controlando os vertidos, etc.”. Por último, Suárez recoñece que a maioría dos principios “proveñen do ámbito do pensamento resiliente, orientado a xerar estratexias para incrementar a capacidade do sistema de reconfigurarse cando sexa necesario e poder convivir así dentro dun sistema natural con límites”. 

Educación e política, eidos clave 

A tese conclúe que para facer a transición cara a unha economía circular eficaz é importante abordar factores que van máis alá do progreso tecnolóxico e da evolución do mercado. Suárez propón “unha transición desde arriba que conte coa participación horizontal de todos os actores involucrados” e subliña a necesidade dunha educación profunda e consciente, afastada dunha “mera adquisición de capacidades”. 

Así mesmo, o investigador afirma que só mediante grandes pactos políticos e estratexias marco será posible acadar un sistema de produción-consumo sostible. Para Suárez, a xestión política é un factor clave na busca da economía circular sostible, como tamén o é “a valentía que demostren os políticos e políticas para levar a cabo as accións que sexan precisas”. Neste senso, apunta que os países ricos dispoñen de “ferramentas suficientes para estimar a súa irresponsabilidade sobre as diferentes cuestións ambientais globais e non o están a facer” e cre que os territorios deberían aliñar as súas estratexias cos demais.