DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada pola investigadora Eva Martínez, da Facultade de Ciencias da Educación

Unha tese pon de manifesto a baixa creatividade dos universitarios

O estudo cre desexable establecer unha cultura para o fomento dos traballos creativos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 28/06/2010

A creatividade dos estudantes universitarios “é pouco elevada”, sen embargo, dentro destes baixos índices son as mulleres as que destacan en creatividade e tamén en produción creativa. Son dúas das principais conclusións que extraeu a investigadora Eva Martínez despois de levar adiante a súa tese de doutoramento sobre A creatividade nos estudantes universitarios. O estudo revela que existe unha relación lineal entre a creatividade e os estilos de aprendizaxe “e é que o rendemento académico presenta maior consistencia correlacional coa creatividade alta”, segundo apunta a investigadora.
Eva Martínez levou adiante o traballo como unha análise da creatividade dos estudantes nas tres universidades galegas dende tres perspectivas: a identificación e o sentido da creatividade na universidade, a interacción que mantén esta con outros factores como o estilo de aprendizaxe, o rendemento académico, o sexo, o enclave, o ámbito científico, a titulación, a utilidade e o proveito da súa potenciación e desenvolvemento no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). O estudo permítelle realizar unha proposta educativa para a mellora e a potenciación da creatividade dentro do EEES.

A capacidade creativa no EEES

Durante algúns anos Eva Martínez impartiu docencia en diferentes materias das titulacións de Psicopedagoxía e Ciencias da Educación no campus de Ourense, unha experiencia que lle permitiu observar “a dificultade e a carencia que presentaban os estudantes universitarios á hora de pór en práctica a súa capacidade creativa para a resolución das diferentes tarefas e actividades prácticas que lles propuña”, explica. A percepción desta necesidade e a importancia que estaba a adquirir a capacidade creativa no EEES foron os dous factores que a animaron a levar adiante o estudo.
Para xustificar a importancia da tese a investigadora fai fincapé no Tuning Europa, un proxecto desenvolvido por 100 universidades dos países integrantes da Unión Europea que entre outros moitos aspectos aborda a importancia da capacidade creativa dos estudantes co desenvolvemento de competencias como por exemplo a capacidade dos suxeitos para abordar o traballo no seu conxunto, a xeración de ideas, a innovación e a orixinalidade, entre outras. Eva Martínez lembra que todas estas características son moi desexables en moitos postos de traballo, “polo que o labor da universidade é capacitar aos estudantes como traballadores potenciais no ámbito laboral ao que van acceder despois da súa formación”, declara.
Outro argumento utilizado pola investigadora para xustificar a importancia da súa tese atópase na defensa da Unión Europea de promover unha xeración na que se lle de unha grande importancia ao desenvolvemento da creatividade e a capacidade innovadora dos nenos e dos mozos a través da expresión cultural. “Polo tanto o estudo da creatividade dos estudantes universitarios busca variables que se relacionen con esta e propor posibles pautas de mellora educativa que garantan o desenvolvemento desta capacidade no contexto universitario”, sinala.

Tarefas que fomenten o traballo intelectual

Eva Martínez fai especial fincapé nas conclusións da súa tese para defender a aplicabilidade de programas formativos “que impliquen a elaboración de tarefas que fomenten o traballo intelectual segundo os estilos de aprendizaxe que interaccionan coa creatividade”, unha aposta que, na súa opinión, daría como resultado “un maior rendemento académico e, consecuentemente, unha mellora da capacidade creativa dos universitarios”.
A investigadora cualifica de “desexable” establecer unha cultura para o fomento da creatividade nas universidades a través dunha serie de puntos clave como por exemplo a atención ao alumnado, titorías, calidade docente, investigación, renovación pedagóxica e formación do profesorado, entre outros aspectos.