DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa autora é a xurista María Victoria Álvarez Buján

Unha tese responde aos interrogantes sobre a aplicación xurídica das probas de ADN

Destaca a importancia de ter en conta o seu carácter indiciario e probabilístico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/12/2018

“Tratamos de ofrecer resposta a todos aqueles interrogantes que suscita a aplicación xurídico-práctica das probas de ADN e as bases de datos xenéticos”. Con este obxectivo María Victoria Álvarez Buján realizou na súa tese de doutoramento unha exhaustiva análise crítica desta proba que, apunta, “alberga un innegable interese, posto que a regulación existente ao respecto no noso ordenamento xurídico resulta incompleta e imprecisa en moitos puntos, o que expón diversos problemas de índole práctica”.

A tese, titulada Análise crítica sobre a proba de ADN: virtualidade científica e xurídica, foi presentada este ano na Facultade de Dereito do campus de Ourense baixo a dirección de Inés Celia Iglesias Canle e Víctor Moreno. “A idea de centrarnos no exame da proba de ADN xurdiu por mor da importancia que as análises xenéticas ostentan na actualidade tanto no ámbito estritamente científico como no xurídico-procesual”, comenta a xurista. A súa investigación, detalla, centrouse en tres eixes fundamentais, como son a investigación da paternidade/maternidade e os procesos civís especiais de filiación, “onde se admiten toda clase de probas incluídas as biolóxicas”; a investigación e o proceso penal, “onde se analiza a realización de probas de ADN e a inscrición e transmisión de identificadores xenéticos en bases de datos tanto a nivel estatal como internacional ou transnacional”, e a investigación biomédica, e máis en concreto “a realización de probas xenéticas con fins de predición, prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades”.

“Para desenvolver esta tese de doutoramento baseámonos principalmente na doutrina, lexislación e xurisprudencia española, examinando ademais a normativa europea de aplicación na materia e, máis en particular, no que respecta á obtención, rexistro e intercambio de perfís de ADN. Así mesmo abordamos o estudo dalgunhas resolucións do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, destacando especialmente a sentenza relativa ao asunto S. e Marper contra Reino Unido, un referente na temática que nos atinxe”, sinala María Victoria Álvarez Buján. Ao longo da súa tese, a xa doutora pola Universidade de Vigo aborda esta proba e as intervencións corporais que implica desde unha perspectiva científica e xurídica; analiza o marco constitucional e normativo ao respecto; aborda os requisitos para a toma de mostras biolóxicas indubitativas; afonda na eficacia e valoración probatoria das análises xenéticas e achégase ás singularidades da obtención, rexistro, uso e transmisión dos perfís de ADN nun contexto non só español senón tamén internacional.

Un valor relativo, non absoluto

María Victoria Álvarez pon o foco no seu estudo “nos problemas específicos que como consecuencia da súa propia configuración e complexidade técnico-científica suscita a realización de probas de ADN, os cales se atopan fundamentalmente ligados á eficacia e valoración deste tipo de probas no proceso”. Así, fai fincapé na “virtualidade das probas de ADN no proceso xudicial, tomando en consideración que o resultado das análises xenéticas debe cifrarse en termos indiciarios e probabilísticos”.

“A proba de ADN, pese ao alto grao de fiabilidade que posúe, sempre que fose realizada correctamente, ostenta un valor relativo. Constitúe unha proba máis, que non debe ser sobrevalorada. En última instancia o resultado das probas de ADN representa un indicio que o único que demostrará será a presenza da persoa en cuestión (investigada) no lugar dos feitos ou que esta mantivo relación sexuais coa vítima ou estivo en contacto físico con ela”, comenta a investigadora referíndose aos casos penais. Así, indica Álvarez Buján, para “desvirtuar” a presunción de inocencia nestes casos será preciso que “o órgano xulgador poña tal indicio en relación co resto de probas e indicios (acreditados, plurais e no mesmo sentido) que concorran na causa, valorando todo iso no seu conxunto”. Tamén, recalca a investigadora, é importante que os resultados que arroxen as probas de ADN sexan “cifrados en termos de probabilidade, o que fai necesaria a presenza do perito no acto do xuízo para unha adecuada comprensión e valoración dos mesmos”.

Neste contexto, a clave do éxito da defensa nun proceso penal no que se empreguen probas xenéticas, indica a investigadora, “non reside na mera negación dos feitos aducidos pola acusación, senón na elaboración dunha estratexia procesual que se basee en acreditar unha circunstancia verosímil e convincente á hora de xustificar por que figuraban os perfís xenéticos da persoa en cuestión (acusada) na escena delituosa ou no corpo da vítima, ofrecendo así ao órgano de axuizamento unha hipótese alternativa e factible á alegada pola acusación”. Esta complexidade, detalla María Victoria Álvarez, pon de manifesto a necesidade de que os distintos operadores xurídicos conten con certa especialización en materia de probas de ADN e bases de datos xenéticos.

Tendo en conta estas características, entre os resultados acadados na investigación, a doutora destaca os referidos á análise das singularidades desta proba pericial e a súa regulación tanto no proceso civil como no penal, apuntando como neste último caso “debe ser reformada, no marco dun novo texto de Código Procesual Penal”. A finalidade desta reforma sería, comenta, adecuar a mesma ás esixencias dos avances tecnolóxicos e científicos, partindo da premisa de que as análises de ADN son realizadas por un equipo de expertos en laboratorios oficiais e ampliando o contido do informe pericial, de xeito que, á marxe das conclusións, recolla todos os aspectos tidos en conta para a súa elaboración (o modo en que se garantiu a cadea de custodia das mostras biolóxicas desde a súa recollida, o método de análise das mesmas e a súa fiabilidade, as particularidades dos identificadores xenéticos examinados, etc.)”.

O dereito á intimidade

Outros resultados recollidos na tese, de próxima publicación, pola xurista apuntan a como existe “un erro recorrente” por parte das distintas lexislacións da nosa contorna europea de limitar a análise e a inscrición de identificadores á parte non codificante do ADN. “Confúndense os termos codificante e non codificante interpretándoos como correlativos, respectivamente, de informativo e non informativo”, comenta. Neste contexto, afirma, “a clave para preservar o dereito á intimidade xenética reside en limitar as análises de ADN e as inscricións nas bases de datos aos perfís identificativos da persoa investigada e do seu sexo, que non acheguen ningunha outra información de carácter íntimo ou sensible, como aquela vinculada á saúde”.

Sería de interese, engade ademais María Victoria Buján, que nunha futura reforma da lei se contemplase expresamente a posibilidade de analizar o ADN codificante das mostras biolóxicas dubitadas, previa autorización xudicial e cando xa se esgotaron sen éxito as restantes vías para lograr a identificación do presunto autor dos feitos. “Estariamos aquí ante unha técnica similar á elaboración de retratos robot, pero a información extraída só podería ser utilizada con fins identificativos no seo da concreta investigación, sen que os identificadores relativos a trazos fenotípicos (cor de ollos, de cabelos ou de pel) se inscribisen na base de datos, pois do contrario vulneraríase o dereito á intimidade xenética e á autodeterminación informativa”, comenta a investigadora.

Do mesmo xeito e “aínda que esta non sexa a liña seguida nas lexislacións da nosa contorna”, comenta a investigadora, para preservar alén do dereito á autodeterminación informativa das persoas sospeitosas/investigadas o seu dereito á presunción de inocencia, “o máis garantista sería que os seus perfís de ADN non se incluísen na base de datos ata que estas persoas adquirisen o status de encausadas, xa que, sen prexuízo da ulterior cancelación das inscricións cando proceda, é aquí e non antes cando a autoridade xudicial, unha vez finalizada a instrución da causa, imputa formalmente o ter participado na comisión dun feito delitivo concreto”.