DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O colectivo vigués revolucionou o panorama cultural da Transición e converteuse nunha icona

Unha tese saca á luz textos inéditos do grupo poético Rompente

A previsión é crear un espazo oficial na rede para facer accesible todo o material

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 11/07/2014

No verán de 1975 Alfonso Pexegueiro (Ponteareas, 1948) e Antón Reixa (Vigo, 1957) decidiron crear un grupo poético que pretendía dinamizar o campo literario galego da Transición e así xurdiu Rompente “o revulsivo necesario para trocar e renovar as estéticas nun intre no que as liñas socialrealista e folclórica xa non daban máis de si e estaban caendo nunha repetición caduca de máis”. Así o ve o investigador Alberte Valverde, autor dunha tese de doutoramento que afonda na biografía dun grupo poético que do 1975 ao 1983 rompeu con todas as convencións da poesía e a cultura que ata entón se fixeran en Galiza e que fixo agromar, sen sabelo, as primeiras performances, a poesía underground...

Intimamente ligados á cidade de Vigo, “en pouco tempo consolidáronse no campo literario galego como unha experiencia singular que, tras a súa disolución, e co paso dos anos, se foi esluíndo e mesmo esquecendo”, subliña Valverde, ao tempo que explica que a investigación que agora ve a luz iniciouse no 2003 en forma de Traballo de Investigación Titorado co obxectivo de afondar na historia do grupo. Froito dese achegamento inicial Valverde decátase do enorme baleiro de información sobre este colectivo de poetas e, por iso, “en 2005 decido iniciar esta tese dirixida polo doutor Burghard Baltrusch”.

Agora, case nove ano despois, a tese pon sobre a mesa, da forma máis exhaustiva posible, a biografía artística de Rompente “establecendo, organizando, sistematizando, dixitalizando e dando a coñecer textos publicados e inéditos do grupo”, subliña o investigador, membro do grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía, Gaelt, da Universide e docente de Lingua Galega no IES de Ponteareas. O seguinte paso será crear un espazo oficial na rede no que facer accesible todo este material “gran parte aínda inédito”. Farao coa colaboración do profesor Burghard Baltrusch e ao abeiro do proxecto A poesía actual no espazo público. Intervención, transferencia e performatividad, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad.

Axente renovador en plena Transición

“Coa chegada de Rompente aséntanse as bases dun discurso que ten a vangarda como cerna e a experimentación como praxe”, apunta o investigador, que non dubida en destacar que foi precisamente a vangarda o elemento vertebrador dun grupo que xurdiu nun intre crucial da historia de Galicia: a Transición. Neste sentido, e partindo dun coñecemento rigoroso sobre o campo literario galego e das relacións co resto dos campos sociais (economía, política, arte...), Valverde subliña que os textos do grupo non se poden entender “sen ler Teima, coñecer os conflitos de Ascón, entender o concepto subproletariado formulado por Xosé Manuel Beiras ou as aproximarse ás diferentes lecturas do marxismo da época”.

Ora como Grupo de Resistencia Poética (1975-1977), ora como Grupo de Comunicación Poética (1978-1983), a investigación afonda na historia de Rompente e dá a coñecer unha biografía o máis completa posible. “Na tese describo a orixe e desenvolvemento dun axente renovador do campo literario galego da Transición e, asemade, analizo como se construíu como capital simbólico co paso dos anos”, explica o investigador. Durante a etapa Rompente Grupo de Resistencia Poética (1975-1977) compártense textos, lecturas e experiencias. “A dinámica común era a experimentación e a palabra eixe, vangarda”, explica o autor da investigación, ao que engade que na segunda época, Grupo de Comunicación Poética, céntrase na creación dos denominados como Tres Tristes Tigres. As experiencias ensaiadas antes e planificadas expándanse neste momento e o colectivo acada un éxito de público importante, sobre todo no que se refire ao seu labor perfomático e de xogo coa sociedade do espectáculo. “É neste momento cando se fragua a concepción de Rompente como grupo integrado exclusivamente por Reixa, Avendaño e Romón”, subliña Valverde.

Após 1983, coa disolución de Rompente, o colectivo desintégrase nas tres figuras citadas antes. Desta maneira, Rompente fica como unha mesa de experimentación para a aparición de tres autorías que diluirían a produción do grupo. “Só nos anos noventa vemos como no campo literario os axentes máis novos reclaman Rompente como icona renovadora, como un capital simbólico que se enfronta ao canon imperante na altura”, engade o investigador.

Encontros con Reixa, Romón, Pexegueiro...

No que se refire á súa relación cos autores de Rompente, Valverde explica que inicialmente foi “distante”. Tivo un primeiro encontro con Reixa, Romón e Pexegueiro, pois no caso de Avendaño xa deixara a súa valoración sobre o colectivo nun artigo que escribira en 2001. Nese encontro Reixa dooulle os orixinais dos libros publicados por Rompente e que aínda mantiña no seu domicilio en Baiona e foi tamén cando descubriu que Romón era o verdadeiro arquiveiro de Rompente, pois na súa biblioteca persoal conservara os inéditos de Rompente Radio Esquimal e das performances, así como materiais da prensa da época. “No caso de Pexegueiro, alén de manter intacta a memoria da época, conservaba na súa biblioteca un documento inédito de Rompente que mesmo o propio Romón non posuía”, subliña Valverde ao fío que explica que destas reunións, agromou unha amizade que se mantén até hoxe, sobre todo con Pexegueiro e Romón.

Alén destas entrevistas cos verdadeiros actores de Rompente, Valverde tivo tamén en conta voces que traballaron canda eles, como os pintores Menchu Lamas e Antón Patiño; o músico Julián Hernández –Siniestro Total- ou o filósofo Daniel Bernárdez, entre outros, etc.