DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese senta as bases dun Centro de Deseño para os fabricantes de maquinaria da pedra natural de Galicia

Deste xeito o deseño industrial sería a estratexia diferenciadora e competitiva do sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/12/2009

Colaboración no proceso de deseño. Esa é a aposta de Faustino Patiño na súa tese de doutoramento para que as industrias galegas fabricantes de maquinaria para o sector da pedra natural poida mellorar a súa competitividade. Así, o profesor do Departamento de Deseño na Enxeñaría aposta pola creación dun Centro de Deseño común “onde se organizarían os equipos en espazos de deseño colaborativo a través de protocolos, metodoloxías, modelos de proceso e normas técnicas e administrativas que garantan a viabilidade de proxectos de cooperación baixo contornas fiables e seguras”. Deste modo, Patiño afirma que se contribuiría á continuidade e desenvolvemento dunha industria “punteira e xa consolidada en Galicia”, como é a dos fabricantes de maquinaria e que axudaría a dinamizar, innovar e acompañar no seu desenvolvemento ao da industria da pedra natural.
No tocante á súa localización, o investigador aposta polas instalacións actuais da FCTGG (Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia), que “vería realizado e cumprido un dos seus principais obxectivos de apoio ao sector da pedra natural no que se refire ao desenvolvemento tecnolóxico de procesos e produtos”.
As propostas que se recollen na tese do profesor Patiño foron, segundo el mesmo explica “recollidas pola Administración que recentemente concedeu as axudas que permitirán, nun futuro próximo, a viabilidade dun Centro de Deseño na localización sinalada e coas características funcionais expostas”.

Firme aposta pola I+D+i

As achegas de Faustino Patiño na súa tese xorden do estudo exhaustivo das potencialidades e debilidades das empresas fabricantes de maquinaria para o sector da pedra natural en Galicia. A conclusión máis clara radica na aposta firme pola I+D+i como oportunidade de crecemento e competitividade e, o Centro de Deseño, representa a posibilidade de unir os esforzos dos fabricantes evitando rivalidades e traballando en xunto para responder ás demandas do sector. Segundo o propio autor, a finalidade da tese é “analizar as repercusión que se orixinarían ao establecer unha cooperación baseada na colaboración no proceso de deseño, entre as industrias galegas fabricantes desta maquinaria”. A idea é vincular a estes fabricantes cos sectores estratéxicos da pedra, de xeito que as tendencias, obxectivo e mercados do sector da pedra tamén o sexan dos fabricantes da maquinaria. Neste proceso, a aposta pola innovación tecnolóxica é clara no sector produtor e debe selo tamén no da maquinaria facendo fronte con esta estratexia á globalización da competencia, proveniente principalmente de fabricantes italianos, líderes nesta campo da maquinaria da pedra.
Con todo, para estas empresas que deseñan e fabrican a maquinaria isto representa un salto cualitativo moi importante. A expectativa tradicional é de traballar sos, “con desconfianza ante a posibilidade de divulgación do know-how particular de cada fabricante”, ocultando datos impedindo que sexan coñecidos polos colaboradores.

A visión colaborativa

Os avances informáticos e nas TIC fan que o deseño de enxeñaría se encamiñe “cara unha nova era”, explica Patiño. E isto débese á continua aparición de innovacións orientadas a unha contorna de deseño do produto compartido, integrado e coordinado, “que fomentan a aparición de equipos de deseño colaborativos e interdisciplinarios”.
Para o investigador, o éxito depende da interacción dos participantes no proxecto, “dende a propia empresa ata clientes, provedores, competidores ou servizos externos”. Pero esta estratexia de colaboración ten unha certa fraxilidade polo que o autor considera que debe estar compartida e tutela pola Administración “favorecendo, mediante asesoramento, axudas técnico-económicas, recursos humanos a través da Universidade, a implantación deste Centro de Deseño común, onde organizar os equipos de deseño.