DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Eloísa del Pino visitou o campus convidada polo profesorado de Dirección e Xestión P

‘Tesoiretazos’ ao Estado do Benestar sen compensación algunha

Tomando como exemplo outros países, a experta alude a alternativas ao recorte de prestacións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 05/12/2012

“En España hai claramente un recorte do Estado de Benestar”. Así de tallante se amosou Eloísa del Pino, investigadora do CSIC, ao analizar o presente e futuro social do país nunha conferencia organizada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Convidada polo profesorado do Grao en Dirección e Xestión Pública, a experta sinalou que, igual que en España, outros territorios europeos diminuíron o seu nivel de prestacións sociais “pero, ao tempo que fan eses axustes, están levando a cabo ampliacións dos dereitos dos cidadáns noutros eidos e isto non está ocorrendo en España”, explicou del Pino que ve “minguar” cada vez máis os servizos á cidadanía por parte dos gobernos sen ningún tipo de compensación.

Explicou que os recortes “sufridos” polo Estado do Benestar español non se reflicten como tal no gasto social, indicador que normalmente se toma como referencia para medir o tamaño deste modelo de organización estatal. “Se nos fixamos en cifras brutas non vemos un recorte do mesmo, pero a realidade é que o goberno mantén o nivel de custos xa que por exemplo gástase máis en protección contra o desemprego porque hai simplemente un maior número de xente sen traballo”, aclara a experta que si confirma “un claro recorte” nos servizos e prestacións á cidadanía. Tamén lembrou que as reducións sociais tomadas en sanidade, en educación ou nas políticas de desemprego non se ven retribuídas por outras medidas de mellora como si ocorre noutros países “nos que si se compensa coa potenciación das políticas de dependencia, ampliación das baixas por maternidade ou de prazas para o coidado dos máis pequenos”, enumerou del Pino.

A estratexia xeral que defende o goberno central español “é que a crise económica non deixa outro remedio que reducir os dereitos do Estado do Benestar”, declarou a experta, unha liña de actuación que presenta outras alternativas “distintas á do tesoiretazo dos dereitos dos cidadáns” e que se están aplicando noutros países europeos que tamén sufriron ou están a sufrir as consecuencias da recesión mundial. Un novo paradigma de investimento social alude á posible necesidade de transformar as bases do Estado do Benestar “facendo esforzos significativos en sectores que son estratéxicos para o noso futuro e polos que o goberno tería que apostar”, tales como a educación infantil, a activación laboral, e en concreto a das mulleres, ou a consolidación das leis de dependencia. Os países nórdicos, Francia, Reino Unido ou Suecia “deberían ser tomados como referencia pois levan a cabo iniciativas que son reais, factibles e moi beneficiosas para a cidadanía”.