DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sergio Noche analizou na súa tese de doutoramento a historia da Banda Municipal de Ourense

Un tesouro cultural froito de máis de 150 anos poñendo música ás festas

A investigación permitiu catalogar os fondos da entidade e rescatar partituras e personaxes esquecid

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 08/10/2013

As bandas son un dos actores principais do panorama musical galego dos últimos 150 anos. A Banda Municipal de Música de Ourense é unha das poucas que sobrevive con máis dun século de historia ás súas costas. Na súa tese de doutoramento, Sergio Noche afondou na evolución desta agrupación entre os anos 1878 e 1955, nos seus protagonistas e na súa música. Foi un arduo traballo de investigación que permitiu catalogar os fondos da entidade e descubrir neles “un patrimonio de alto valor que conta na actualidade, entre materiais impresos e manuscritos, cun total de 1714 rexistros nos que atopamos a firma de 840 autores”.

A tese, dirixida por Luís Costa e froito de catro anos de traballo, foi presentada este ano no campus de Ourense baixo o título A Banda Municipal de Música de Ourense no período 1878-1955. Evolución histórica, contexto social e documentación musical. “No momento en que decidín realizar esta investigación non existía en Galicia ningunha tese sobre bandas de música e cría necesario pór en marcha un traballo destas características”, destaca o xa doutor. Os obxectivos eran, explica, rescatar unha pequena parte dunha parcela practicamente inédita da vida cultural galega; coñecer os compoñentes que formaron parte da agrupación e o significado que tiña, a todos os niveis, ser director ou músico da mesma; recuperar materiais inéditos a partir da catalogación dun arquivo musical centenario e contribuír á investigación duns colectivos que, durante décadas, erixíronse nos auténticos conservatorios de música do país.

A investigación, apunta, deu comezo coa catalogación do arquivo de partituras da Banda Municipal de Música de Ourense e o baleirado de documentos relativos a esta agrupación situados no Arquivo Municipal de Ourense, complementado posteriormente este cribado co estudo dos fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense; do Museo Etnolóxico de Ribadavia; do Instituto de Historia e Cultura Militar de Madrid e da Biblioteca Nacional. “Ao mesmo tempo non deixamos escapar a posibilidade de establecer unha relación directa con algúns dos verdadeiros protagonistas da historia das nosas bandas de música, como Rogelio Groba e Segismundo Fernández”, comenta o investigador.

12 mestres e 216 músicos

Nas conclusións do estudo, Sergio Noche subliña que esta banda municipal, aínda sendo amparada polo poder político, non permitía unha dedicación exclusiva á totalidade dos seus compoñentes, feito que non resultou un impedimento para que o colectivo alcanzase un importante nivel musical dentro do panorama bandístico galego da época. Entre os anos 1878 e 1955, a agrupación, apunta, estivo liderada por un total de 12 mestres dos cales, ao comezo da súa investigación, descoñecíase a existencia de Juan Carneao, Arturo Fernández, Manuel Chamuchín, Vicente González, Agustín Quintairós, Juan Coma e Ramón Ruiz, mentres que os restantes, Enrique Fernández, José Millán, Ricardo Courtier, Juan Iglesias e Eugenio Félix Molina, permanecían practicamente no esquecemento. Ademais de revelar as formas de acceso á agrupación, a tese identifica un total de 216 números que formaron parte dela no período estudado, mostrando as condicións nas que desempeñaban as súas funcións pero tamén as súas actividades complementarias e as problemáticas habituais que xurdían no seo deste colectivo que participaba en todo tipo de eventos oficiais, relixiosos e festivos da cidade.

A catalogación do arquivo de partituras da banda ourensá, destaca o investigador, "non só permitiu recuperar unha cantidade importante de materiais que permanecían practicamente inéditos, senón tamén achegarnos ao labor compositiva de mestres como Courtier ou Bragado e confirmar así a opinión exposta por diversos autores de que os arquivos das nosas bandas de música constitúen auténticos tesouros do noso patrimonio musical".