DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A testosterona e o punk apodéranse do Teatro Vidal Bolaño

Chévere inaugurou a programación teatral cunha reflexión irreverente sobre o xénero

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/10/2009

Cervexas, música punk e moita testosterona, unha combinación case irremediablemente masculina. Este é o escenario que a Compañía Chévere emprega para facer, na súa última produción teatral, unha reflexión en clave de humor sobre os roles que cada sexo ten asignados. Con esta obra, titulada Testosterona, a compañía abriu este xoves a programación teatral do primeiro cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, despois de representala na Sala Nasa de Santiago, onde Chévere é a compañía residente.
Esta posta en escena tenta, dun xeito irreverente e divertido e coa música como un dos grandes protagonistas, afondar na división normativa da sociedade en dous sexos e abre a porta á posibilidade de crear un xénero de código aberto. Xunto cos dous personaxes principais, Tito e Fran, dous amigos que veñen de montar o grupo punk-rock, Os Dildos, a participación do público e as letras das súas cancións alíanse para xogar cos roles de xénero dun modo ameno, lúdico e fresco. Dirixida por Xesús Ron e posta en escena por Patricia de Lorenzo e Natalia Oureiro (porque nada é o que parece), Testosterona, fainos reflexionar sobre cantos dos atributos, condicións e condutas que cremos relacionados co xénero son innatas ou adquiridas ao longo do tempo a través da contorna, a educación, a cultura ou as tradicións. Así, combínase música, tocada en directo polas actrices/rockeiros, video, travestismo e moito humor para chegar á conclusión de que moitos deles roles son aprendidos e, todo o que se aprende, tamén se pode esquecer.
Testosterona foi seleccionada para a Rede de Teatros Alternativos o que lle permitirá saír de xira por catro comunidades autónomas.

Ser home por un día

Aproveitando a participación da compañía Chévere na programación da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, a Área de Igualdade, organiza o obradoiro parateatral Ser home por un día, que se celebrará o vindeiro día 27. A idea é empregar o humor, o teatro ou a maquillaxe para traballar cun grupo de mulleres e crearlles unha nova identidade masculina. Trátase de asumir roles do outro sexo para poder achegarse aos papeis e estereotipos para chegar á concienciación de que o xénero é algo construído e, polo tanto, modificable, nun exercicio de tolerancia.
Coa axuda dos actores de Chévere e aberto unicamente a mulleres, este obradoiro impartirase dende as 9.00 ata as 14.30 horas no Edificio Miralles e a única condición, amais de pertencer ao xénero feminino, é levar roupa de home, gomina, unha venda elástica e un espello.
As interesadas poderán matricularse, de balde, a través do mail igualdade@uvigo.es