DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico analizará nun obradoiro as peculiaridades da comunicación non verbal

O teu corpo delata o que ti non dis

O prazo de matrícula manterase aberto ata o vindeiro día 28

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 21/01/2013

Cando se mantén unha conversa, emisor e receptor transmiten miles de sinais e mensaxes que van máis alá do que se di con palabras. O comportamento, os movementos, os xestos e demais comunicación non verbal conforman o 90% da información que se emite, o que permite coñecer os sentimentos ou as actitudes dos interlocutores. Tendo en conta a importancia que ten descifrar as mensaxes que se reciben e tomar consciencia daquilo que se transmite, o Gabinete Psicopedagóxico organiza un obradoiro “que ten como obxectivo dar a coñecer os segredos dos movementos para comprender a conversa en cada momento”, indica Rocío Iglesias, responsable do servizo.

O autocontrol e a interpretación

A comunicación verbal e non verbal son inseparables, xa que mentres a palabra expresa un contido informativo, a linguaxe corporal revela o emocional matizando o significado das palabras. Por esta razón, temáticas que se tratarán no obradoiro serán a comunicación, os factores que interveñen no proceso, as modalidades comunicativas non verbais e a antropoloxía.
Para descifrar o verdadeiro mensaxe que un emisor está transmitindo é necesario saber interpretar os movementos e actitudes en función dun determinado contexto, “porque poden significar cousas moi diferentes en función de onde, como ou con quen se produza”, puntualiza Iglesias. Os xestos de felicidade, de confianza, o nerviosismo ou as microexpresións faciais involuntarias poden restar credibilidade ao emisor ou reforzar a tese defendida na conversa, “polo que se sabemos como nos movemos e como controlar os nosos xestos nas relacións interpersoais, podemos empregalos para o noso beneficio”.

A súa importancia nas entrevistas de traballo

A linguaxe non verbal é unha ferramenta fundamental para afianzar aquelas ideas, intencións e xuízos que se transmiten e, nunha entrevista de traballo, amosar unha boa actitude, seguridade e autocontrol poden ser o elemento clave que decante a contratación. “Morderse as unllas, golpear o bolígrafo ou revolverse na cadeira son pequenos sinais que denotan o estado de ánimo do entrevistado, polo que é importante coñecer as claves necesarias para actuar de xeito correcto e afianzar a nosa candidatura”, conclúe a responsable do servizo.

Prezos e prazos

O curso ten un prezo de 4,5 euros para o público en xeral e 3 euros para o alumnado que goza de bolsa de estudos. Impartirase de 11.00 h a 13.00 h os días 29, 30 e 31 de xaneiro na sala II do Edificio Miralles. Os interesados poderán formalizar a matrícula ata o vindeiro 28 deste mes a través da páxina web de Extensión Universitaria.