DUVI

Diario da Universidade de Vigo

El dilema, dirixido por Michael Mann, está protagonizada por Russell Crowne e Al Pacino

Un thriller de despachos para despedir ata febreiro o I Ciclo de Cine e Dereito Mercantil

Este venres ás 16.00 horas no salón de graos de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/11/2012
Este venres volve o cine á Universidade. O I Ciclo de Cine e Dereito Mercantil despídese ata o mes de febreiro coa proxección da película El dilema, dirixida por Michael Mann e baseada nunha historia real de relevantes consecuencias xurídicas e económicas. Nesta ocasión presentará a película José Luis Castro de Paz, catedrático de Historia do Cine da Universidade de Santiago de Compostela, e intervirá como poñente de excepción o profesor José Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito Mercantil na USC, vocal permanente da sección segunda de Dereito Mercantil da Comisión Xeral de Codificación e Premio Galicia de Investigación concedido polo goberno galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.

Protagonizado polo doutor Jeffrey Wigand (Russell Crowne), científico e exdirectivo da terceira compañía tabaqueira dos EEUU, Brown & Williamson, e o reputado xornalista de investigación, produtor do prestixioso informativo da CBS 60 minutes Lowell Bergman (Al Pacino), o filme amosa a loita destes personaxes cos grandes poderes empresariais: Wigand cos seus ex xefes de Brown & Williamson, pois a cláusula de confidencialidade tras o seu despido impídelle desvelar dato algún sobre a súa compañía, e Bergman cos directivos da CBS que, en pleno proceso de negociacións para ser vendida a Westinghouse, estaban dispostos a evitar calquera conflito que reducise o valor do negocio e os seus propios e substanciosos dividendos no mesmo.

A sesión, que terá lugar ás 16.00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, iniciarase coa presentación do filme por parte de José Luis Castro de Paz, e a continuación será o experto en Dereito, neste caso o profesor Gómez Segade, o encargado de debullar os aspectos xurídicos claves abordados durante a trama. Despois exporase a película e, finalmente, abrirase o coloquio entre os poñentes e os asistentes.

Tres novos títulos a partir de febreiro

Ata a data o I Ciclo de Cine e Dereito Mercantil, que dirixe Pablo Fernández Carballo-Calero, profesor titular de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, tratou cuestión de dereito antitrust, dereito de sociedades, propiedade intelectual e competencia desleal a través de películas como Gilda ou a Red Social.

A proxección de El Dilema pon fin a primeira metade do ciclo, que continuará a partir de febreiro de 2013 cos filmes El Soplón, Wall Street e El jardinero fiel, e as intervencións de Julio Costas Comesaña, Luis Antonio Velasco San Pedro y Anxo Tato Plaza, todos eles catedráticos de Dereito Mercantil.

Con 60 inscritos e a colaboración da Fundación Universidade de Vigo, esta actividade enmárcase no proxecto de investigación A reforma do dereito da competencia: defensa da competencia, competencia desleal e publicidade, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia.