DUVI

Diario da Universidade de Vigo

AtlantTIC e Gradiant suman esforzos para definir novas liñas de investigación neste ámbito

As TIC reivindican a súa presenza no eido mariño co Campus do Mar

As telecomunicacións ao servizo do proxecto lograron captar ata 5600 apoios

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 15/10/2010
As tecnoloxías da información e da comunicación consolidan e aumentan a súa presenza en multitude de ámbitos, incluído o mariño, no que sen embargo aínda abondan proxectos por explotar. Por este motivo, as TIC reivindican a súa presenza neste sector a través do Campus do Mar, que constitúe unha valiosa ferramenta para amosar o papel que xogan estas tecnoloxías no eido mariño. " O proxecto contribúe a facer visible a potencialidade das TIC neste sector e isto dá lugar a que a industria pesqueira e de transformación perciba as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da comunicación, ao tempo que o campo das TIC ve no sector mariño un interesante ámbito estratéxico de actuación" sinalan Nuria González e Luis álvarez Sestelo, xerentes do centro de investigación AtlantTIC e o centro tecnolóxico Gradiant respectivamente.

Ambas entidades lideran dende a Universidade unha das catro accións estratéxicas de investigación do Campus do Mar e potencian a coordinación entre as diferentes unidades que compoñen o clúster TIC do proxecto, entre os que se atopan o CITIC, o Instituto de Sistemas e Robótica da Universidade de Porto, o Instituto de Engenharia Ellectrónica e Telemática e o Instituto de Telecomunicaçoes da Universidad de Aveiro. "Co Campus do Mar temos máis combustible para achegar ideas e desenvolver novos proxectos e liñas de investigación enfocadas ao sector mariño" afirma a xerente de AtlanTIC.

Traballando cara a modernización do sector mariño

"As tecnoloxías da información e da comunicación contribúen a incrementar o valor engadido do sector mariño, axudando a facelo máis competitivo". Con estas verbas, o xerente de Gradiant pon de manifesto a importancia da investigación aplicada ás necesidades do sector posto que "o Campus do Mar permítenos coñecer de primeira man a problemática e deficiencias existentes neste campo" sinala.

Para amosar a relevancia das TIC no proxecto do Campus do Mar e no ámbito mariño, dende AtlanTIC e Gradiant se apoian nos resultados de varios proxectos levados a cabo nos últimos anos "que constitúen importantes avances no sector, fomentando á súa modernización" afirma Nuria González. Algunha destas contribucións son a día de hoxe imprescindibles na industria pesqueira, como por exemplo a incorporación de sistemas de telemando nas lonxas galegas para facilitar as puxas, así como un sistema que permite coñecer de antemán as capturas realizadas no día antes de que cheguen ao seu destino. Ademais, outro dos avances máis importantes neste campo é posible grazas á visión artificial aplicada aos procesos industriais "que permite levar a cabo labores de recoñecemento no control de calidade ou na clasificación do pescado por especies ou tamaño" indica González. Así mesmo, tamén se están a desenvolver proxectos no eido da acuicultura dedicados á clasificación de ovas ou a cuantificación de larvas, "un proceso polo cal se controla o 70% do rodaballo a nivel mundial" comenta a xerente de AtlanTIC.

Os equipos de investigadores de AtlantTIC e Gradiant pretenden seguir traballando sobre novas liñas dentro do proxecto Campus do Mar, tales como as tecnoloxías de e-learning e redes sociais no ámbito marítimo pesqueiro, así como o deseño dunha batea TIC ou o desenvolvemento de técnicas de teledetección para o seguimento de cultivos mariños soterrados nas praias.

5600 apoios ao proxecto grazas ás telecomunicacións

Ademais de fomentar o progreso no eido mariño, as telecomunicacións supoñen tamén un importante soporte para o Campus do Mar, sendo internet un poderoso aliado á hora de achegar o proxecto á sociedade. Un total de 5600 persoas manifestaron o seu apoio á proposta a través de diversos medios, sendo as redes sociais as que recompilan máis usuarios, con 3534 fans -máis de 1800 soamente no perfil de Facebook- seguido dos rexistros na web do proxecto con máis de 1600 inscritos. Estas cifras, as que tamén hai que engadirlle preto de 250 sinaturas de apoio e máis de 950 visualizacións dos vídeos aloxados na canle Campus do Mar Tv, amosan o grande impacto acadado polo proxecto coa axuda das telecomunicacións.

Ademais, o Campus do Mar logrou reclutar a máis de 400 voluntarios coa campaña de captación de apoios mediante stands informativos, que durante varias semanas percorreron un total de 18 centros nos tres campus, ademais do estadio de Balaídos, e que rematará este venres no Centro Comercial da Cidade Universitaria.