DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano, Celso Cancela, reuniuse con responsables do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (C

As titulacións de Ciencias Sociais e da Comunicación espertan interese no sector do automóbil

Nesta xuntanza acordouse potenciar as prácticas neste centro do alumnado da facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 23/06/2014

Polas súas competencias e pola súa polivalencia como futuros e futuras profesionais, o alumnado dos tres graos que se imparten da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vén de espertar o interese dun sector, o da automoción, que, en principio, semella moi distante das áreas principais de traballo dos titulados e tituladas en Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Dirección e de Xestión Pública. Así o puido constatar o decano en funcións do centro, Celso Cancela, na reunión que vén de manter con responsables do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

Acompañado do coordinador de prácticas do grao en Dirección e Xestión Pública, Constantino Cordal, Cancela mantivo na sede do CTAG no Porriño unha "reunión moi positiva" coa directora de Innovación Tecnolóxica do centro, Ana Paul, e a coordinadora da Área de Formación e Recursos Humanos, Carla Salgado. Unha reunión que, explica, “"viu motivada “porque, no marco do seu convenio coa Universidade, unha alumna de Dirección e Xestión Pública fixo prácticas alí e o seu perfil pareceulles moi interesante”. Por ese motivo, esta xuntanza estivo centrada en “presentarlles as competencias das diferentes titulacións” ás representantes dun centro xestionado pola Fundación para a Innovación e o Desenvolvemento Tecnolóxico da Industria da Automoción de Galicia, da que forman parte tanto empresas do sector como entidades de carácter público, entre as que se atopa a propia Universidade.

O interese é mutuo

“Resultáronlles uns perfís moi interesantes”, apunta Cancela, que explica que nesta xuntanza acordouse “potenciar as relacións entre o CTAG e a Facultade coa idea de establecer unha liña de colaboración que permita que alumnos e alumnas das tres titulacións fagan prácticas alí nun futuro”. Neste senso, o decano incide en que desde o centro tecnolóxico non só lle confirmaron que o estudantado de Dirección e Xestión Pública “resultaba un perfil moi atractivo para eles, polos seus coñecementos de ámbitos como a contabilidade ou a xestión de proxectos”, senón que tamén amosaron interese por titulacións como Comunicación Audiovisual, “dado que no CTAG contan cun área de comunicación no que fan precisamente traballos de carácter audiovisual”.

Por outra banda, nesta reunión os representantes da facultade tamén quixeron coñecer algo máis en profundidade un organismo dedicado a contribuír á modernización das industrias dun sector “moi importante, tanto en termos económicos, como pola súa capacidade de innovación, de multidisciplinariedade e de internacionalización", como salienta o decano, que subliña que o da automoción "pode resultar un campo de traballo moi interesante para os nosos titulados e tiuladas”.