DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornalista Ana Pastor impartiu a última lección destacando a importancia de formar baixo uns valor

Titúlase a derradeira promoción da Diplomatura en Maxisterio

Francisca Fariña lembrou ao alumno Guillermo de Oca Montero, recentemente falecido

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/06/2011

Comeza unha nova etapa para os 183 novos e últimos titulados da XXXVI promoción da Diplomatura en Maxisterio, “cargada dunha gran responsabilidade ao ter na súa man a formación das xeracións futuras”, comentaba a súa decana, Francisca Fariña. O acto de graduación estivo presidido pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, quen os animou “a loitar polo que estudastes”, mentres que Ana Pastor, xornalista de Las Mañanas de TVE, foi a encargada de impartir a última lección, facendo especial fincapé na necesidade de exercer a profesión “sen esquecerse dos valores como persoa para formar coa cabeza pero tamén co corazón”.

Este acto de graduación supuxo “dicirlle adeus aos plans de estudo da diplomatura”, comentou a vicerreitora, un cambio “que se traduce nun recoñecemento da profesión do mestre na sociedade”, ao que a decana engadiu as oportunidades que supón o novo plan de estudos para estes diplomados, “pudendo convertervos nos primeiros diplomados-graduados ou nos primeiros en acadar un mestrado musical”. Fariña aproveitou a súa intervención para lembrar a figura de Guillermo de Oca Montero, falecido o pasado sábado, “e que hai un mes tamén estaba celebrando o seu acto de graduación”.

Dignidade, honestidade e valentía

A xornalista Ana Pastor ofreceu un discurso “feito desde o sentimento e o corazón”. Fixo especial fincapé na necesidade de esforzarse día a día “valorando o que custa conseguir cada un dos logros”. Salientou o papel dos profesores na sociedade, “que nos debedes de axudar a educar baixo os valores da dignidade, da honestidade e da valentía para formar boas persoas”. Non se esqueceu tampouco do sacrificio das nais, “que como a miña fan o esforzo para que os fillos teñan un futuro mellor”. Coa sinceridade que a caracteriza fixo unha reflexión sobre o nivel de probreza de Níxer, “país que intento visitar todos os anos”, aclarando que o efecto da crise en España se traduce nun aumento do desemprego, “pero neste país africano supón a morte de dous fillos a unha nai”, concluíu.

Unha profesión ‘gratificante’

A vicerreitora do campus animou aos futuros egresados a que “traballades na vosa profesión, loitade polo que tanto vos custou conseguir, pois a carreira docente está chea de gratificacións laborais pero sobre todo persoais”. O profesor Uxío Pérez, interviu en representación dos padriños das catro diplomaturas de Mestre Especialista en Educación Física, en Infantil, en Primaria e en Musical, e como bo padriño deulles un consello: “non reproduzades a educación que vos tocou sufrir, intentádeo facer ben, porque a docencia é o máis importante que hai”.

Representantes do alumnado das catro diplomaturas tamén tomaron a palabra e recoñeceron o labor dos seus profesores, ademais de lembrar o día a día cos seus compañeiros, “unhas 40 mil horas aproximadamente”, atreveuse a cuantificar uns dos voceiros. Os representantes da rama musical foron os máis orixinais elaborando un discurso “moi melódico” que arrincou máis dunha risa entre os presentes.

Na celebración tampouco faltou a música, pois o grupo de metais do conservatorio Manuel Quiroga puxo a nota musical a un encontro que rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur.