DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase o Xurado Xoven para estudantes que queiran participar na elección da mellor longametraxe d

'Tócache' ser xurado no Festival de Cine Internacional de Ourense

A data límite para presentarse é o 6 de outubro de 2011

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 22/09/2011
Do 14 ao 23 de outubro Ourense celebrará o seu Festival de Cine Internacional OUFF baixo o lema Tócache!. É unha oportunidade para achegarse ás mellores e máis recentes producións audiovisuais internacionais. Ademais de como espectadores, aos estudantes do campus de Ourense tócalles participar nesta cita dun xeito moi especial. A Vicerreitoría do Campus e o OUFF veñen de convocar a segunda edición do Xurado Xoven, que permitirá a un grupo de universitarios ourensáns participar na votación do Premio á Mellor Longametraxe da sección oficial do certame.

“O ano pasado o festival propúxonos esta iniciativa e resultou un éxito, coa participación de máis de vinte estudantes, polo que este ano decidimos repetir a convocatoria”, salienta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus. O obxectivo final é fomentar a asistencia e participación do público universitario nesta cita cinematográfica e premiar a súa implicación no desenvolvemento do festival.

Os participantes poderán visionar, en horario de tarde, as 10 películas que concorren na sección oficial do festival na categoría de mellor longametraxe, que son Das Lied in mir, de Florian Cossen; Podslon, de Dragomir Sholev; Ako Zrno Ne Umre (Daca Bobul Nu Moare), de Sinisa Dragin; The Off Hours, de Megan Griffiths; Marham, de Alireza Davoodnejad; Vergiss dein Ende, de Andreas Kannengießer; Quelques jours de répit, de Amor Hakkar; Fase 7, de Nicolás Goldbart; Siberia, Monamour, de Slava Ross, e 180°, de Cihan Inan.

Acreditacións e paixón cinéfila

Os participantes disporán dunha acreditación que lle dará acceso de balde a todas as salas do festival durante a súa celebración; dunha invitación para o cóctel, sesión de inauguración e clausura; de libre acceso ás roldas de prensa e de material do festival, como o catálogo, folletos, etc. As gañas de gozar do cine e valorar películas van por conta dos estudantes participantes.

A organización do festival elixirá aos participantes, nun número por determinar, entre todas as solicitudes que se presenten. O criterio de selección será a valoración dun pequeno texto que cada persoa inscrita debe entregar no momento da solicitude e no que ten que explicar o motivo polo cal desexa formar parte do xurado. Os interesados deben entregar esta e a restante documentación necesaria, como son unha fotocopia do DNI e dúas fotos, na Oficina de Actividades Culturais do campus. O prazo para apuntarse remata o 6 de outubro.