DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus de Ourense renova a súa web institucional

Toda a información e actualidade do campus nun clic

A páxina moderniza a súa imaxe, incorpora novos contidos e optimiza a súa accesibilidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 29/11/2011

Na sociedade actual a web dunha institución é unha ferramenta fundamental para darse a coñecer, para transmitir información, para relacionarse con diferentes públicos ou para crear unha imaxe determinada. Con esta idea, a Vicerreitoría do campus de Ourense vén de presentar a súa renovada web institucional, dispoñible no enderezo http://vicou.uvigo.es/. Coa súa proposta de imaxe e de estrutura e con contidos actualizados e ampliados, os responsables do proxecto agardan facer máis útil e atractiva esta ferramenta tanto para a comunidade universitaria coma para o público xeral.

A web foi presentada este martes por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Alberto Vaquero, director de Área de Descentralización do campus de Ourense. “Queremos que esta nova páxina sexa moi útil para a xente que queira coñecer ou acceder ao noso campus e que optimice o uso da información que publicamos en Internet”, destacou María Lameiras durante a presentación. A vicerreitora quixo destacar o traballo realizado polo equipo de técnicos de informática do propio campus encargado de realizar durante o último ano este traballo, formado por Celso Caride, Carlos Turnes e Rubén Taboada.

Novos contidos en Investigación

Pola súa banda, Alberto Vaquero salientou que a nova web, feita en código aberto, ofrece “máis información e máis estruturada, podendo en dous ou tres clics acceder a todo tipo de información do campus de Ourense”. Deste xeito, a páxina permite consultar a axenda de actividades diarias e novidades no campus, a súa carteira de estudos actualizada e a actividade dos diferentes servizos que ten á súa disposición a comunidade universitaria, como deportes, cultura, residencia universitaria, gabinete psicopedagóxico ou biblioteca, entre outros. Tamén é porta de entrada para as webs propias de cada facultade ourensá.

Un dos apartados que destaca polo seu contido e utilidade é o de Investigación. Nel, as persoas interesadas poden consultar información de todos os grupos de investigación do campus de Ourense e do seu Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI, ver o estado das convocatorias que se realizan nesta área ou coñecer os recursos para a transferencia ou a internacionalización que existen na Universidade de Vigo para os investigadores.

Inicialmente a web da Vicerreitoría, que recibe unha media de 4000 visitas ao mes, está dispoñible en galego mentres se prepara a súa versión en diferentes linguas. Neste senso, os seus creadores fan fincapé en que o espazo, como corresponde á institución que representa, ten un carácter dinámico e non estático e polo tanto irá medrando e evolucionando co tempo para dar resposta ás necesidades da comunidade universitaria que poidan xurdir e da propia institución.