DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuai

Todo comeza e todo remata cun bo guión

A directora de cine e presidenta de CIMA, Inés París, impartiu a última lección sobre a fonte de cre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 30/06/2011

O mundo do audiovisual galego xa conta con 21 novos profesionais especializados “na creación de historias para cine e televisión”, ao graduarse a primeira promoción do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais, impartido na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinado pola profesora Anna Amorós, quen quixo reivindicar a importancia do guión no proceso de creación. O acto estivo amadriñado pola directora de cine Inés París, ademais presidenta de CIMA, Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, quen impartiu a última lección sobre o dilema de crear a partir das experiencias ou da simple imaxinación.

A profesora Anna Amorós, “alma máter deste mestrado”, aproveitou a súa intervención para lembrar que a existencia deste tipo de formación “pon en valor unha profesión pouco recoñecida polo sector”, aclarando que o guión “é a verdadeira esencia do cine, pero ás veces é a parte da produción máis esquecida”. Comentou que se trata dun mestrado cunha perspectiva “moi profesionalizante impartido por profesionais de alto nivel tanto do eido galego como nacional”, de aí que moitos dos proxectos audiovisuais concibidos ao abeiro do mestrado “se atopen en concursos de subvencións e outros a piques de ser producidos”. Aconselloulles que non se desanimen cos desenganos do mundo profesional “nesta viaxe que comezades hoxe polo mundo audiovisual, pois con esforzo e sabiduría volverémonos a reencontrar nas presentacións futuras dos vosos traballos”. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, tamén estivo presente no acto de graduación e desexoulles sorte aos novos egresados, “tendes a calidade suficiente para saír ao mercado a loitar polos vosos soños”, comentou.

Crear a partir da realidade ou da imaxinación?

A cineasta Inés París, neta do galeguista Fermín Bouza Brey, impartiu a última lección afondando no dilema que se lle presenta aos guionistas á hora de definir a súa fonte de inspiración, “pois semella que crear a partir das experiencias internas é contraditorio á orixinalidade e á imaxinación, ao puro exercicio de creación”. A madriña da promoción aclarou que “é absurdo separar arte e vida”, pois existe unha relación constante entre o vivido e o elaborado froito da posta en práctica da razón creativa, “atopando novos significados a partir da nosa propia existencia”. Expuxo un caso concreto dela mesma para subliñar “o importante que é que as nosas historias falen de nós mesmos, porque nunha tan afastada da nosa realidade non teremos nada que contar”. Resumiu a idea engadindo que “unha película debe ser unha testemuña única dun eu”.

Destacou a importancia do traballo do guionista, “cazador clandestino sempre á espreita de novas historias”. Falou da importancia da observación, da verosimilitude, da lóxica e da sorpresa “porque a ficción é fundamental para vivir, o ser humano necesita crer o que non é verdade para decatarse das consecuencias dos feitos e aprender sen riscos”.

Os alumnado tamén tivo a palabra, representado por Noelia Queipo, Beatriz Barros, Alba Sotelo e Gabriela Amor. Cun discurso redactado como se dunha historia de cinema se tratase, as voceiras lembraron cada un dos proxectos finais de mestrado dos 21 estudantes, ademais de recoñecer o esforzo e a dedicación de Anna Amorós, “a verdadeira artífice”, e dos seus mentores e profesores. “Toda viaxe ten un final, queremos traballar nisto e vimos para quedarnos. Esperemos que esta historia teña un happy ending”, concluíron as catro alumnas. Ao final do acto, o decano da facultade, Daniel Martí, fixo entrega duns diplomas “especiais”, asinados por todos os profesores do mestrado e pola madriña, Inés París.