DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus ofrece a toda a cidadanía catro obradoiros de deseño

Todo é cuestión de imaxe

O período de matrícula para o primeiro curso ábrese o vindeiro 27 de febreiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 23/02/2012

Neste segundo cuadrimestre a Vicerreitoría do campus de Pontevedra reforza a súa oferta formativa no campo do deseño e da imaxe con catro obradoiros especializados que se impartirán de marzo a xuño na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. O deseño de páxinas web, imaxes virtuais, tipografía e dun currículo vitae creativo serán as temáticas dos cursos aos que pode acceder calquera persoa e de forma gratuíta. O período de inscrición para o primeiro obradoiro abrirase este luns 27 de febreiro a través da plataforma Bubela. Tal é o éxito que ten esta oferta formativa entre a cidadanía pontevedresa que “aos poucos minutos de abrir o prazo de matrícula, xa se esgotan as prazas, habendo casos nos que se rexistrou unha lista de espera de 70 persoas para as 20 ofertadas”, sinala o profesor Alberto García Ariza, coordinador dos catro obradoiros.

A diferenza do primeiro cuadrimestre, a proposta para esta primavera ten un sentido máis concreto, “centrándose en temáticas máis de produción específica”, comenta Ariza, ademais de ser deseñada en función dos intereses e inquietudes de anteriores asistentes aos cursos “que a través de enquisas e suxestións achegaron unha idea moi clara de cales son os temas nos que queren afondar”. O temario novidoso e concreto dos cursos da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás atrae a profesionais deste eido “o que pon de relevancia o nivel e a calidade da formación ofertada polo campus”.

Cursos complementarios e especializados

O alto nivel de especialización é unha característica común a estes catro obradoiros centrados en temas moi específicos do deseño gráfico e da imaxe. Aínda que pode semellar unha oferta pensada en primeiro termo para complementar a formación impartida nas titulacións singulares do campus, como Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas, Ariza destaca que é unha alternativa aberta para outros eidos do saber “xa que o deseño dunha páxina web ou como preparar unha entrevista de traballo é de interese para todo tipo de perfís profesionais”.

O primeiro curso, que comeza o próximo 5 de marzo, afondará no deseño dunha páxina web, en concreto nas bases de maquetación a través de CSS, unha tecnoloxía que permite controlar a aparencia física dun site e o deseño de outros produtos online. Na primeira semana do mes de abril abrirase o prazo para os seminarios de creación de tipografía e ilustración virtual a través do Photoshop. O derradeiro curso queda reservado para o mes de xuño no que se tratará o deseño dun portfolio profesional facendo especial fincapé na mellora da presentación do currículo mediante aplicacións gráficas, ademais de achegar unha serie de pautas para enfrontarse a unha entrevista de traballo.

Para coñecer máis polo miúdo o temario, períodos de matrícula, horarios e obxectivos de cada un dos obradoiros, pódese visitar a plataforma Bubela ou ben escribir aos enderezos de correo electrónico vic.pon@uvigo.es e campuspontevedra@uvigo.es ou chamar ao 986802080.