DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres recoñecidos fotógrafos impartirán o curso 'A fotografía a debate'

Todo dependerá da cámara con que mires

Darán relatorios e cursos sobre a toma de imaxes de moda, publicidade e de modelos infantís

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Noemí Rey DUVI 18/10/2010

Son expertos, dos mellores do mundo, cada un no seu campo. Raúl Docasar, Carlos Spottorno e Gerardo García serán os encargados de dar unha conferencia e un taller intensivo de imaxe dentro do ciclo A fotografía a debate. Puntos de encontro en distintos enfoques que comeza este 19 de outubro e que organiza a Área de Extensión Cultural e Estudantes do Vicerreitoría do campus de Pontevedra. É a primeira vez que o campus pontevedrés prepara unha actividade que xire arredor da fotografía. "Era o momento. Pensamos que con titulacións como Belas Artes, Publicidade ou Comunicación Audiovisual no campus tería moi boa acollida", asegura Ana Belén Fernández, directora da área.

Con proxectos segredos

O primeiro en participar no ciclo, este martes 19 de outubro, será o fotógrafo de moda Raúl Docasar, que ten traballado para marcas e revistas como Stradivarius, Burberry, Lois ou Men's Health. Comezou a súa carreira profesional como operador de cámara no cine, co que gañaba cartos, e facendo probas a modelos, para ir conseguindo experiencia. Con el a sesión estará baseada no Fotógrafo de moda e publicidade no contorno dixital.

A xornada sorpresa chegará o 3 de novembro de man do húngaro Carlos Spottorno, un fotógrafo afincado en Madrid que traballa para grandes firmas publicitarias ou para medios como National Geographic ou The New York Times e que ten na súas vitrinas galardóns como o prestixioso World Press Photo. Baixo o título Como facer da túa fotografía persoal a chave dos proxectos profesionais, Spottorno presentará no obradoiro un proxecto inédito que se vai publicar a finais de novembro, polo que na súa sesión non se poderá nin gravar nin tomar imaxes.

O peche do ciclo será o 10 de novembro co taller de Gerardo García, especializado na fotografía infantil e que é o encargado da imaxe da maioría das publicacións infantíns españolas. Cun relatorio titulado Do hobby á profesionalización: como conseguir os mellores enfoques dos máis pequenos, con el os asistentes aprenderán a captar o mellor momento para que poder fotografiar a un neno, sen forzalo, con naturalidade e conseguindo o mellor resultado.

Os relatorios, que terán lugar o 19 de outubro e 3 e 10 de novembro na Casa das Campás ás 16.30 h, estarán abertos para todo o público. Sen embargo, para participar no obradoiro de dúas horas que estes profesionais darán no laboratorio fotográfico da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación haberá que inscribirse enviando un correo electrónico a vic.pon@uvigo.es. As sesións comezarán ás 18.00 h e están pensadas para grupos moi reducidos, polo que haberá tan só 18 prazas dispoñibles por cada taller.