DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Burguillo participou no programa Erasmus para docentes:

“A todos os que fomos Erasmus, tanto estudantes como profesores, cambiounos a vida e o xeito de ver as cousas”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 29/04/2008

Anos despois de marchar cunha bolsa do programa Erasmus a facer o proxecto de fin de carreira Bélxica, o profesor da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación Juan Carlos Burguillo repetiu experiencia no mesmo programa de mobilidade pero xa como docente. Sobre a importancia deste tipo de experiencias internacionais e do seu papel como subdirector de Relacións Externas na escola, Burguillo falou para o Duvi e destacou o cambio de mentalidade que, sobre a mobilidade, tivo lugar nos últimos anos.

Como xurdiu a idea de tomar parte no programa Erasmus para profesores?
A verdade é que a pesar de ser subdirector de Relacións Externas na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicacións e ter unha estreita relación co programa Erasmus, esta foi a miña primeira experiencia persoal con estas bolsas que me levou a Francia. A idea xurdiu porque o responsable da Rede Temática Europea EIE-SURVEYOR co que eu colaboro, estaba organizando cursos na Universidade Joseph Fourier de Grenoble, en Francia. O curso, orientado a estudantes a nivel internacional, afondaba nos sistemas de comunicación e tecnoloxías inarámicas. Esta iniciativa incluía algunhas das materias orientadas á seguridade e eu imparto unha materia relacionada con este campo a nivel de doutoramento, invitoume a impartir algunha das clases.

Canto durou a túa estancia?
As estancias das bolsas Erasmus para profesores non teñen nada que ver coas dos estudantes. Temos que impartir un mínimo de oito horas de clase na universidade de destino e, aínda que poden ser máis, adoitan ser arredor dunha semana de estadía.

Que pode aportarlle como docente unha experiencia como esta?
Eu xa estaba bastante acostumado a viaxar ao levar preto de dez anos colaborando en redes temáticas europeas, pero cabe destacar a importancia de coñecer o sistema educativo doutro país e participar nel. É diferente ao que podes coñecer noutro tipo de visitas. Ademais, o feito de contactar con estudantes de países diversos e de dar clase a un grupo de alumnos internacional e heteroxéneo resulta moi interesante. A xente resulta ser moito máis participativa do que é moitas veces nas nosas clases. O ambiente tamén é máis distendido pero adoita ser moi colaborativo.

Con este tipo de intercambios docentes, subliñabas que se poden coñecer outros sistemas educativos. Son moitas as diferenzas que atopaches en relación ao que temos aquí?
En xeral, a maioría dos países xa están adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, tan só queda España, Grecia e algún máis. Pero o certo é que lles foi bastante máis sinxelo do que está a ser para nós porque xa contaban cun sistema de créditos moito máis similar ao ECTS que se implanta co EEES. Non obstante, o caso de Francia é unha excepción porque tiña unha serie de titulacións moi complexas e con cambios entre os distintos tipos de graos, cunha especie de ponte entre as diversas alternativas educativas, tiña un sistema moi exótico e complexo pero coido que o resultado do proceso de adaptación a Boloña foi positivo.

A experiencia profesores coma vostede con coñecemento doutros sistemas europeos pode aportar algo ás escolas ou centros de orixe no proceso de adaptación español?
No meu caso, coido que o tempo de estadía foi demasiado breve e non participas realmente no sistema educativo, na práctica es un invitado. A miña experiencia si que pode provir do traballo que realicei nestes últimos anos nas redes temáticas. Neste sentido, percibimos que en España hai moito medo a ese cambio e ao xeito de levalo a cabo. No resto de países, en xeral, o que perciben como estraño é o noso sistema educativo, con créditos teóricos e clases docentes, onde non se mide o tempo que lle dedica a unha materia un alumno, senón o tempo que lle dedica un profesor. Aínda que nós miremos con desconfianza esta adaptación, no resto dos países europeos consideran que o “raro” é o noso sistema de créditos.

Unha vez que xa tomaches contacto en primeira persoa co programa Erasmus, volverás a repetir a experiencia?
Probablemente, a idea que tiñamos do curso no que impartín clases en Grenoble (Grenoblo) é facelo todos os anos. Non sei si finalmente será así, pero teño outras invitacións doutras institucións para ir dar un curso e tamén para vir eles aquí, á ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación. O resultado foi moi satisfactorio e, na medida en que o material xa está preparado porque son materias que impartes ou investigacións nas que traballas na universidade de orixe, non supón moito esforzo.

Dentro do EEES sublíñase a potenciación da mobilidade como un dos puntos fortes. Como subdirector de Relacións Externas na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicacións, coidas que isto cambiará moito a docencia tal e como a entendemos agora?
O feito de que se poidan cursar parte dos créditos das titulación noutros países paréceme moi importante e aporta moito á formación dos estudantes. Eu estiven facendo o proxecto de fin de carreira cunha bolsa Erasmus na cidade belga de Lovaina (Leuven) e para todos os que fomos Erasmus ou cursamos fóra parte dos nosos estudos, parécenos algo fundamental, algo esencial ao que non renunciariamos. Á maioría, en certo sentido, cámbianos a vida e o xeito de ver as cousas, sobre todo no que se refire a moverse e desprazarse para traballar.

Unha experiencia deste tipo serviría para ampliar as expectativas dos estudantes e animalos a viaxar, a traballar noutros países e a coñecer outros xeitos de facer as cousas?
En certo modo, penso que isto xa cambiou nos últimos anos. Eu pode velo na escola, onde cada vez temos máis estudantes no programa Erasmus, unha media de entre 60 ou 70 alumnos que marchan a outra universidade, sobre todo para facer o proxecto de fin de carreira. A experiencia é sempre positiva, non só polo que aprenden, senón tamén polo cambio de mentalidade e polas oportunidades que se lles abren noutro mercado de traballo.