DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebración do patrón da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Todos a unha... Viva San Teleco!!!

Unha xornada de romaría e troula con xantar e xogos tradicionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 02/10/2013
Ao grito de “Todos a unha... Viva San Teleco!!!” arrincou este mércores a edición 2013 da festa dos estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Unha celebración a xeito de romaría cun xantar popular, xogos, música e maxia que se sobrepuxo a unha predicións meteorolóxicas que non auguraban unha xornada propicia. Pero, como os representantes da organización destacaban no pregón, “por sorte, e tras cinco anos, case non chove”. Coa procesión dos mecos, deseñados polos alumnos e alumnas do primeiro curso, desta volta en forma dos protagonistas da película de Pixar, Wall-E, estourou a festa ao son da música de Cé Orquestra Pantasma, que armado co seu bombo, o seu acordeón e unha morea doutros instrumentos ao modo dos antigos homes-orquestra, puxo a todos en pé.

De menú: churrasco, chourizos asados, polbo, empanada, bocadillos e para entreterse xogos, por exemplo, para buscar parella. Pero a celebración de San Teleco arrincou xa hai varias semanas cos tradicionais campionatos deportivos de fútbol 7 e baloncesto 3x3, unha ’carnicería mental entre docente e estudantes, ademais dos torneos de videoxogos como League of Legends, Guitar Hero ou Mario Kart e de cartas “o deporte por excelencia universitaria”, como ironizaron dende a organización. Tanto en fútbol (profesores 3 - alumnos 2) como en baloncesto (profesores 44 - alumnos 26), se impuxeron os docentes e os organizadores recoñecen, con ironía que "non houbo coacción". Rubén Suárez, un dos membros da organización que este ano compoñen arredor de 12 alumnos e alumnas, explica que a idea é deseñar un programa de actividades máis aló da festa para que “a xente faga cousas, se divirtan e non estean sentados”. Neste sentido a Delegación de Alumnos da EE de Telecomunicación contou coa colaboración da Asociación Trabalingua na organización de xogos tradicionais galegos, como a billarda e o tres en raia humano. Membros da Liga Sur de billarda desenvolveron un obradoiro e un torneo aberto para todos aqueles interesados neste deporte. No xogo do tres en raia humano, os gañadores foron os que resistiron máis dun número determinado de partidas e levaron premios acordes á festividade do día, como un chupito de licor café para cada un. Xa pola noite, a festa trasladouse a diversos locais de ocio do centro da cidade.

O San Teleco máis solidario

San Teleco non remata este mércores. As actividades organizadas pola Delegación de Alumnos continúan con máis torneos esta semana e coa celebración dunha chocolata solidaria no vindeiro mes de novembro. Esta iniciativa, que xa desenvolveron o pasado curso, ten como obxectivo recadar fondos para o Banco de Alimento, “algo máis necesario ca nunca”, apunta Suárez. De feito, dos cartos que recadan coa festa, parte deles se destinan á organización da seguinte edición e outra parte ao Banco de Alimentos.