DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con participantes de toda a xeografía española

O toledano Rafael Villar gaña o II Certame de Fotografía Mineira

A entrega de premios e unha xornada deportiva puxo fin á semana cultural de Santa Bárbara 2009

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 04/12/2009

Mina Emma do enxeñeiro toledano Rafael Villar fíxose co primeiro premio do II Certame de Fotografía Mineira, unha edición que destacou pola elevada calidade das fotografías recibidas chegadas desde diferentes puntos da xeografía española.
A entrega de premios, que tivo lugar coincidindo coa festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros, coincidiu tamén coa inauguración dunha exposición composta polas máis de 50 fotografías que participaron no concurso e coa entrega de trofeos da 3ª Xornada Deportiva Mineira na que se disputou un torneo de fútbol sala entre estudantes, persoal de administración e servizos e docentes, con categorías tanto masculinas como femininas.
Se ben o gañador do certame non puido acudir debido a motivos laborais, si enviou unhas pequenas verbas que foron lidas no transcurso do acto nas que, ademais de agradecer o premio, subliñou que “pese ao importante rexeitamento social que vive o mundo mineiro na sociedade actual non se pode concibir sen a presenza dos minerais, presentes na maior parte dos obxectos que nos rodean, desde os medicamentos ata os móbiles, entre outros exemplos”.
Se o primeiro premio, dotado con 200 euros e unha cámara fotográfica, foi para Toledo o segundo viaxou ata Ourense da man do enxeñeiro industrial Miguel Casal, que recibiu un cheque de 150 euros e un navegador GPS Tom Tom pola fotografía Bateando 1. No caso do terceiro, valorado con 100 euros, o premio recaeu na fotografía Ripart Pazer de Antonio Pizarro, un turolense que está a aproveitar a súa xubilación para colaborar en diferentes temas relacionados co patrimonio industrial e mineiro.
Aínda que non estaba previsto, a elevada calidade das fotografías recibidas fixo á organización formularse a necesidade de entregar tamén tres accésits, “un pequeno detalle de 50 euros e un trofeo para tres imaxes que, aínda que non chegaron á final, tamén eran moi boas”, sinalaron dende a organización.

As profesoras impóñense ás alumnas no fútbol sala

Na entrega de premios, á que asistiu o director da escola, Pedro Arias, estiveron tamén presentes os membros do xurado no que participaron o catedrático da escola Enrique Orche, presidente da Sociedade Española de Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro, os profesores da escola Iván Gómez e José María Lanaja e o delegado en Galicia de Paisajes Españoles, José Manuel Romero.
Entregados xa os premios da segunda edición, os organizadores pensa xa na seguinte convocatoria, para o que seguirán establecendo contactos coas escolas de minas e asociacións afíns de toda España, “mantendo a base de que é un concurso nacido nesta escola e que desde aquí quere proxectarse ao exterior contando con todas as colaboracións posibles” salientou Diego Casal, un dos organizadores.
Se a mañá rematou coa entrega de premios e cun pequeno viño galego para celebrar a patroa, empezou dun xeito moito máis deportivo no pavillón do campus. E despois de moitos partidos e, “aínda que o importante era participar”, as profesoras da escola foron as grandes vencedoras no lado feminino, mentres que no masculino foron os alumnos os que se fixeron co torneo.