DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato presentou este mércores no campus de Ourense o seu programa electoral

Tomando nota de propostas para un novo goberno

O candidato a reitor dialogou cos membros da comunidade universitaria sobre as súas necesidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 19/03/2014

O tempo de campaña electoral para dirixir calquera órgano é o momento de que candidatos e votantes dialoguen sobre a súa visión de futuro, sobre as necesidades e aspiracións de cada colectivo, sobre as cousas que lles gustaría mudar e sobre o que consideran que se fixo ben e mal ata ese momento, entre outras cuestións. A campaña electoral das eleccións a reitor da Universidade de Vigo xa está en marcha e este mércores os membros da comunidade universitaria do campus de Ourense tiveron a oportunidade de escoitar a Salustiano Mato, que aspira a renovar un mandato máis ao fronte da institución académica, facer balance de catro anos de goberno e propor novos retos para outros catro máis en caso de saír elixido nas votacións do día 1 de abril.

O candidato de Alternativa Universitaria celebrou no campus de Ourense tres reunións, unha co persoal de administración e servizos, unha cos membros da comunidade universitaria do Edificio de Ferro e outra cos do Edificio Politécnico, estando acompañado Virxilio Rodríguez, candidato a vicerreitor do campus de Ourense, e Xosé Manuel García, que aspira a renovar o seu cargo como vicerreitor, neste caso de Economía e Planificación da Universidade de Vigo. “Durante os catro anos de goberno conseguimos o 80% dos nosos obxectivos, non acadando o 20% restante por temas ligados a lexislacións sobrevidas, por razóns de cambio do ciclo económico provocado pola crise e nalgúns casos, hai que recoñecelo, porque non fomos capaces de facelo e está no noso "debe" pendente”, salientou Salustiano Mato aos membros da comunidade universitaria.

Fortalezas e retos

Nese catro anos de goberno, apuntou, “as nosas fortalezas foron, en épocas de vacas fracas, a planificación e a xestión económica que realizamos; conseguir manter o tipo e medrar en investigación e transferencia grazas ao traballo de moita xente e a pesar dos recortes en axudas, e desenvolver toda a faciana de extensión universitaria e internacionalización”. Facendo autocrítica tamén deses anos, Mato salientou a necesidade de pór novos retos para o futuro e, aínda que apostando pola continuidade, dar unha nova ollada ao que se viña facendo ata o de agora co obxectivo de melloralo. No caso do campus de Ourense, subliñou, este futuro estará marcado os vindeiros catro anos polo desenvolvemento do proxecto do Campus da Auga, iniciativa que, apuntou, “suporá un cambio absoluto no modelo de campus, cun proceso de especialización e creación de imaxe de marca diferencial”.

Na primeira das reunión mantidas, arredor dunha trintena do case centenar de persoas que conforman o PAS do campus de Ourense intercambiaron cos candidatos a súa visión dos catro anos de goberno e as súas necesidades como colectivo. Entre os temas abordados estiveron as negociacións durante o mandato que se pecha e o estado actual das negociacións da relación de postos de traballo, do convenio colectivo para o persoal laboral e dos concursos de traslado; o deseño da folla de ruta para a funcionarización e a descentralización de competencias, salientando ambas partes a necesidade de mellorar a comunicación interna para chegar a acordos equilibrados e satisfactorios para todas as partes implicadas e para dar un empuxe definitivo ás cuestións pendentes. Neste senso, Virxilio Rodríguez quixo subliñar como “a comunicación e o diálogo serán fundamentais para este equipo de goberno. Trátase de falar, dialogar, reunirnos e chegar a acordos que redunden no beneficio do campus. A realidade do traballo nos centros mudou moito nos últimos anos e nesa mudanza o traballo do PAS é fundamental para o bo funcionamento dos centros”.

Depois de expor as súas principais liñas programáticas, entre as que destacou a docencia, e de escoitar as inquedanzas dos membros da comunidade universitaria do campus de Ourense, o candidato a renovar o seu posto como reitor da Universidade de Vigo animou aos asistentes aos diferentes actos a que o día 1 de abril participen no proceso electoral votando, implicándose na elección do equipo de goberno que os vindeiros catro anos dirixirá esta institución académica.