DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Estación de Ciencias Mariñas celebra do 11 de outubro ao 3 de novembro obradoiros con escolares

Toralla descobre as formas e cores da biodiversidade aos estudantes

Arredor de 500 rapaces e rapazas gozarán da experiencia de pórse na pel dos investigadores

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/10/2011
Teñen unha curiosidade enorme por todo o que lles rodea, son moi permeables ao coñecemento e encántalles facer cousas de adultos. Por estas características, entre outras, os escolares son un público especialmente atractivo para a realización de actividades de divulgación científica. Así o consideran na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ECIMAT, que desde o 11 de outubro e ata o 3 de novembro abrirá as súas portas a arredor de 500 alumnos de centros educativos da contorna de Vigo para que por unhas horas se poñan na pel dos investigadores e coñezan as formas e cores da biodiversidade mariña da illa de Toralla.

A iniciativa, organizada pola ECIMAT coa colaboración da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo e o financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación, é unha cita tradicional do centro desde 2007. Nesta ocasión, aproveitando o calendario das mareas, as visitas celébranse os días 11, 13, 14, 24, 25, 26, 27, 28 e 31 de outubro e 2 e 3 de novembro, coincidindo estas últimas datas coa celebración estatal da Semana da Ciencia 2011.

Recollida e análise de mostras

Baixo o título Un mar de formas e cores na Illa de Toralla, os participantes coñecen de xeito divulgativo e didáctico á biodiversidade mariña. “O obxectivo principal é achegar ao alumnado o coñecemento deste medio mediante un percorrido pola intermareal da Illa de Toralla, onde está a ECIMAT e onde poderán fixar a atención na cantidade de organismos tan diferentes e con distintos modos de vida que configuran o conxunto organizado e equilibrado da illa”, explica Enrique Poza, responsable da ECIMAT.

Tralas visitas didácticas á contorna de Toralla, os estudantes, de 10 a 17 anos, desenvolven na propia Estación Mariña un obradoiro onde observan as mostras recollidas previamente por eles mesmos na visita ao litoral e realizan actividades relacionadas coa adaptación das especies mariñas. Ademais, para completar a aprendizaxe contan cunha exposición de acuarios nos que as formas e estruturas dos animais teñen un lugar predominante, como animais con concha e algas que viven nas pozas da marea.

Excelente resposta

Realizadas xa as primeiras visitas, o responsable da ECIMAT salienta a excelente resposta á convocatoria, pois en dous días esgotaron as 500 prazas dispoñibles, e o bo desenvolvemento da actividade ata o momento, cunhas condicións climáticas moi favorables grazas ao bo tempo. “Para nós é unha cita moi satisfactoria porque aínda que nos dá un pouco de traballo extra, é extraordinario ver como se esperta nos rapaces a inquedanza por coñecer a súa contorna, neste caso o medio mariño. E para os centros tamén é moi satisfactoria, como demostra o feito de que os que xa viñeron queren repetir para o ano que vén”.