DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Instalado no pantalán da Ecimat, está coordinado polo Grupo de Oceanografía Física

Toralla estrea Observatorio Oceanográfico con datos meteorolóxicos en tempo real

Útil para os usuarios das praias, pero tamén para os pescadores, mergulladores, deportistas e comuni

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/07/2013
A Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, estrea este verán o seu propio Observatorio Oceanográfico, unha estación que permite a monitorización en tempo real de diferentes variables: desde datos xerais, como a temperatura do aire e da auga ou velocidade do vento, ata cuestións máis profesionais como a turbidez ou a velocidade da corrente, e outros ítems de carácter máis científico tales como a salinidade, o PH, concentración de clorofila e de oxíxeno “un claro indicador da calidade da auga”, subliña o profesor Ramiro Varela, membro do grupo de investigación de Oceanografía Física, Gofuvi, os encargados de pór en marcha esta estación.

Baixo o nome de Observatorio Oceanográfico de Toralla, a estación ofrece os datos cunha frecuencia de dez minutos e actualízanse vía web póndoos ao servizo da sociedade en xeral, desde o usuario das praias, que pode consultar a temperatura da auga en tempo real, ata os pescadores e mergulladores que poden coñecer as correntes e o grao de visibilidade da auga, grazas ás medidas de turbidez, e os practicantes de deportes como o windsurf ou Kitesurf “que accederán aos datos de ventos locais que se rexistren nese preciso instante”, subliñan desde o observatorio. Ao tempo esta estación permite tamén á comunidade científica dispor dun rexistro das variables medidas dispoñible na páxina da Ecimat.

Instalada no pantalán da Ecimat, esta iniciativa púxose en marcha con financiamento parcial, xa que aos propios equipos de Gofuvi se unirón os comprados cos fondos procedentes da Convocatoria de Axudas para a Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas do SUG (Consellaría de Educación – Xunta de Galicia; Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

Pioneiros na instalación de plataformas e boias oceanográficas

O equipo de investigación de Oceanografía Física, grupo de referencia da Universidade de Vigo desde agosto de 2006, traballa en tarefas de oceanografía operacional desde o ano 2005 e, dende entón, contribuíron ao deseño, colocación e supervisión de diferentes plataformas oceanográficas de envío de datos en tempo real, entre os que se inclúe un sistema de radar en alta frecuencia, pioneiro en España, e varias boias oceanográficas e de calidade da auga, tamén en zonas interiores como as rías e na plataforma continental. “Interésannos especialmente as interaccións entre a oceanografía física e as outras ramas da oceanografía, xa sexa nos seus aspectos químicos, xeolóxicos ou biolóxicos”, salientan desde Gofuvi.

Nunha rexión económica e socialmente tan vinculada ao mar como a contorna da Ría de Vigo, as ferramentas postas en marcha por Gofuvi convértense tamén nunha ferramenta de gran potencial para a xestión sostible do litoral, xa que, os datos, de carácter público e distribuídos en tempo real a través de Internet, poden ser empregados para diferentes tipos de actuacións. “Temos unha persoa dedicada á estación e no radar HF hai tres persoas máis traballando en diferentes aspectos”, recalca Varela, que lembra que no caso do radar os datos están dispoñibles ademais de na web da Ecimat, do Campus do Mar e da Vicerreitoría de Investigación, en institucións publicas como Puertos del Estado.