DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a primeira vez que o campus de Ourense participa neste deporte similar ao golf

Un torneo de Pitch and Putt reúne este sábado a 50 deportistas no Pazo da Touza

Docentes, estudantes e PAS competirán polos trofeos do certame xunto a persoas alleas á Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 04/06/2010

A orixe do Pitch and Putt sitúase en Irlanda durante a primeira metade do século XX, cando os participantes nas colonias de vacacións populares amantes do golf construían pequenas réplicas dos campos grandes para satisfacer a súa afección a este deporte. Víctor Rodríguez, xerente do Pazo da Touza, un campo de Pitch and Putt situado no concello de San Amaro, define esta práctica deportiva como “o golf do pobo” posto que non require de tanto tempo para xogar un partido como o golf, precisa dun equipamento menor e os custos son máis accesibles. A todo isto hai que sumar o mantemento do campo, “un lugar ecolóxico –a superficie de rego é menor á dun campo de fútbol- e accesible a todo o mundo”, segundo explica.
Ao redor de 50 persoas, tanto membros da comunidade universitaria (estudantes, profesores e persoal de administración e servizos) como público en xeral, participarán este sábado no Pazo da Touza no I Torneo Pitch and Putt da Universidade de Vigo. Víctor Rodríguez explica que o campionato xogarase co recorrido internacional, de 18 buratos nun máximo de 90 metros e matiza tamén que os xogadores poderán participar no torneo xogando coa normativa de paus internacional -2 paus e putt, un dos paus máis importantes da bolsa diferente dos demais en peso, deseño e lonxitude e fundamental no xogo posto que del depende en gran medida o resultado final do xogador- ou coa normativa nacional -6 paus e putt-. É a primeira vez que o campus de Ourense participa nesta modalidade deportiva organizada polo Pazo da Touza en colaboración co Servizo de Deportes do campus.

Catro categorías e premios para os vencedores

O certame comezará ás cinco da tarde, dividirase en catro categorías e haberá premios para todas elas así como un premio especial para o primeiro clasificado da comunidade universitaria. Ao rematar o torneo ofreceranse uns pinchos, entregaranse os premios aos gañadores e haberá tamén un sorteo de regalos.
O prazo de inscrición para participar no campionato estará aberto ata as tres da tarde do sábado, día de celebración do torneo. O prezo ascende a 12 euros.
A celebración deste campionato forma parte do programa de actividades organizado polo Pazo da Touza en virtude dun convenio asinado coa Universidade de Vigo e que incluía tamén a realización de cursos gratuítos deste deporte nas citadas instalacións ao longo do curso académico nos que participaron ao redor de 25 persoas pertencentes á comunidade universitaria. Víctor Rodríguez espera que este torneo sirva para difundir a práctica deste deporte a todas aquelas persoas que puideran estar interesadas nel porque, segundo asegura, “é un deporte que encaixa moi ben co perfil dos universitarios xa que é económico, non precisa de moito tempo para a súa práctica e é ideal tamén para todas aquelas persoas que pasan sentadas moitas horas do día”, sinala. O xerente revela tamén que seguirán ofertando cursos gratuítos de Pitch and Putt no vindeiro ano académico co fin de conseguir que cada día sexan máis os afeccionados a este deporte.