DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade recibe a 169 novos estudantes estranxeiros de intercambio

Unha Torre de Babel con 42 nacionalidades

Alemaña é o país que deixa en Vigo máis alumnado, case a metade matriculados en Filoloxía e Tradució

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 09/02/2011
Unha canle bidireccional de ‘cerebros’. Niso converteuse Alemaña, o país que máis novos estudantes estranxeiros achega á Universidade de Vigo, desbancando orixes tradicionais como Italia e Polonia. Este cuadrimestre pasarán polas aulas dos tres campus 169 novos matriculados internacionais que se veñen a sumar aos 200 que tiveron a súa estadía a principios de curso e aos 158 que permanecen todo o ano. En total, 527 estudantes dos que case o 80% veñen cunha bolsa Erasmus nalgunha das súas catro modalidades e que cursan estudos sobre todo en Filoloxía e Tradución (46,8%) e en Ciencias Económicas e Empresariais (18,3%). “Alemaña é un dos destinos máis demandados, pero tamén o que máis bolseiros proporciona”, recordou Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais, durante o acto de benvida a unha boa parte dos 128 estudantes estranxeiros que acaban de aterrar no campus de Vigo.

Un recibimento “a unha universidade nova, emprendedora e moi activa”, como subliñou o director da Oficina de Relacións Internacionais, Anselmo Seoane, que estivo cargado de información. Por diante dos novos matriculados desfilaron a técnica superior da ORI, Eva Garea, e os representantes do Servizo de Deportes, da Biblioteca ou do Centro de Linguas, que fixeron un repaso por todas as ofertas formativas, deportivas e de lecer complementarias coas que facer esta estadía máis agradable. O que non podía faltar era unha clase de xeografía e historia para explicarlles as peculiaridades dunha terra que foi determinante para moitos destes estudantes á hora de elixir universidade de destino. “Galicia ten unha cultura totalmente diferente a do resto de España, cunha historia particular, milleiros de praias consideradas as mellores do mundo, como a das Illas Cíes, etnografía, mitos e tradición propias…”, explicou Cristina Ricart, técnica superior da Área de Normalización Lingüística. Para “coñecernos” mellor, a Universidade porá a disposición de todos os estudantes de intercambio un curso de galego de 75 horas de balde e con dous créditos ECTS.

O reto: percorrer todos os campus

Para que aproveiten estes catro meses en Galicia e percorran cada recuncho da universidade, xa que estaban detectando que os estudantes de intercambio “non chegan realmente a toda a oferta da universidade”, dende a Oficina de Relacións Internacionais propoñen a todos os bolseiros un xogo: dar unha volta polas instalacións do campus e a cambio terán un agasallo. En forma de pasaporte, editado en galego e castelán, o alumnado terá que ir visitando sete lugares onde se lles porá un selo. Unha vez conseguidos todos, toca pasar pola ORI e recoller o premio, que variará dependendo de canto se tarde en completar o reto. “Tratamos de motivalos para que coñezan de primeira man toda a oferta que teñen a súa disposición, incluída a dos campus de Ourense e Pontevedra se teñen tempo e gañas de coñecer Galicia”, razoa Fernández Iglesias.

Máis doado perfeccionar o idioma

Paisaxe, praias e mar seguen sendo un dos atractivos para o alumnado de fóra, que se achega a Vigo como unha porta aberta a Galicia e a “moitos lugares interesantes que coñecer”, como asegura Maria, unha estudante polaca de Economía. “Parécese moito a Irlanda: chuvioso, frío… aínda que espero aproveitar tamén a estancia para poder gozar do sol e dos areais”, recoñece Jonathan. Unha “beleza e unha xente” que fai que os Erasmus que xa pasaron pola Universidade de Vigo recomenden o destino aos seus amigos, como lle ocorreu a Anna, que vén dende Polonia para cursar Filoloxía Inglesa e non descarta quedarse tamén parte do verán na cidade.

Pero un dos principais motivos que atrae aos estudantes estranxeiros, sobre todo cando veñen pensando en perfeccionar o idioma, é a claridade coa que falan os galegos. “Aquí o acento é máis puro. Xa estivera traballando en Madrid e en Inglaterra tiña unha titora que nacera en Vigo, así que non tiven dúbidas sobre a universidade que escoller. Ademais, aquí non hai moitos turistas”, conta Melissa, que chega dende o Reino Unido. É o mesmo que lle ocorre a David, escocés e estudante de Linguas Modernas, que leva dous anos aprendendo español e que tamén tivo en conta “como estaba estruturada” a Universidade para escollela.

En que empregar o tempo de lecer

Xuntalos, que se coñezan e fagan amigos nunha cidade na que case nunca coñecen a ninguén é unha das intencións da asociación estudantil International Exchange Erasmus Student Network (ESN), unha das maiores entidades europeas fundada para axudar ao intercambio de estudantes que comezou a operar na Universidade de Vigo este curso. A súa función, encher o tempo de lecer dos estudantes; a primeira proposta, unha ‘Cervexa e conversa’ esta noite para coñecerse no centro de Vigo.

A seguinte cita será un picnic de benvida en Samil, na que se ofrecerá gratis comida e bebida típicas galega para todos os estranxeiros de intercambio. Aínda que o que os estudantes esperan con maior ilusión é a ESN Trip Ibiza 2011, o evento pensado para Erasmus máis grande do mundo na que se prevé que participen 2500 estudantes, con cinco días de festa e turismo nas illas. A asociación asinará un convenio de colaboración coa ORI para consolidar esta oferta non docente que se lle fai ao alumnado estranxeiro.