DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este Anuario de Estudos Torrentinos está editado polo profesor Manuel Ángel Candelas Colodrón

Torrente Ballester e a construción da historia da literatura española, no sétimo número de "La Tabla Redonda"

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 14/07/2010

Entre as múltiples facetas que Gonzalo Torrente Ballester desenvolveu ao longo da súa vida e tratadas xa anteriormente no Anuario de Estudos Torrentinos, La Tabla Redonda, este sétimo número céntrase na súa contribución á construción da historia da literatura española. Co profesor Manuel Ángel Candelas Colodrón como editor, este novo número recolle artigos de cinco investigadores e estudos do autor de Los gozos y las sombras: Arturo Casas, da Universidade de Santiago de Compostela; Borja Rodríguez, do IES Alberto Pico de Santander; Francisco Gutiérrez Carbajo, da UNED; Dolores Troncoso, profesora da Universidade de Vigo e María del Carmen Bobes, da Universidad de Oviedo.

Todos eles fan un achegamento neste exemplar da man do Servizo de Publicacións da Universidade, á vertente de Torrente Ballester como estudoso e perito da literatura española. Segundo explica Candelas Colodrón no prólogo, GTB exerceu dende moi cedo “a súa labor sancionadora, non só como conxuntural crítico literario, coa súa implícita poética” senón como elaborador dunha propia historia da literatura en español”. O profesor Candelas saliente o relevante neste labor da súa posición como escritor e coñecedor do sistema literario que avalía. Esta faceta do escritor galego, Candelas Colodrón defínea como “especialmente fértil” xa que permite analizar toda unha época, á sombra da súa particular conexión coa organización interna da instrución educativa da súa época e do seu intenso labor como divulgador e como enhebrador dunha determinada historia da literatura. Entre as obras de Torrente que se poden incluír nesta faceta cabe subliñar Literatura española contemporánea de 1945 e El Quijote como juego, que introduciu “unha nova perspectiva na análise do libro cervantino”.

Cinco investigadores e catro escritores

Este número da revista comezan cun artigo de corte espistemolóxico para comprender dende que posición formula as súas teses e os seus xuízos Torrente Ballester, da man de Arturo Casas. Os outros catro autores achéganse a Torrente a través de catro autores clave do cambio de século que, “a altura á que comeza a escribir Torrente, constitúen o referente literario da literatura española: Clarín, Galdós, Unamuno e Menéndez Pelayo.

O artigo de Borja Rodríguez, do IES Alberto Pico de Santander, é o que se centra no estudo que Torrente fixo de Menéndez Pelayo; mentres que Francisco Gutiérrez analiza algúns traballos de Torrente Ballester acerca do legado de Unamuno. A profesora da Universidade de Vigo, Dolores Troncoso presenta un artigo titulado Pérez Galdós según Torrente Ballester, mentres que o de María del Carmen Bobes se titula Lectura de La Regenta por Gonzalo Torrente Ballester. O número sete da revista inclúe tamén unha reseña das actividades organizadas co gallo da celebración do centenario do autor, entre elas a exposición Los mundos de GTB, da que é comisaria a profesora da Universidade, Carmen Becerra.